A Comisión Nacional do Mercado de Valores investiga a Pescanova por posíbel abuso de mercado

A CNMV entende que se dan "posíbeis indicios de comportamentos de abuso de mercado por parte da compañía, dos seus administradores ou de terceiras persoas". Investigará se houbo información privilexiada e manipulación de prezos
Pescanova
photo_camera Pescanova

As segundas feiras non traen boas novas para Pescanova, a multinacional de Chapela que ha dez días solicitou preconcurso de acreedores, xerando un tremor no mundo económico-financeiro. Se a segunda feira pasada, as accións de Pescanova caían até un 60% en Bolsa, nesta, a CNMV anuncia nun comunicado que vai abrir unha investigación sobre Pescanova. O motivo? que considera que hai "posíbeis indicios de comportamentos de abuso de mercado por parte da compañía, dos seus administradores ou de terceiras persoas".

A Comisión pide datos e información sobre a situación patrimonial, niveis de endebedamento ou relativas a débedas vencidas e non pagadas,entre outras

A CNMV solicita a Pescanova que á maior brevidade posíbel lle remita a información que atinxe o segundo semestre de 2012, alén de datos e información sobre a situación patrimonial, niveis de endebedamento ou relativas a débedas vencidas e non pagadas,entre outras.

Que é abuso de mercado?

A Lei do Mercado de Valores contempla, dentro do que se tipifica como comportamento de "abuso de mercado" a información privilegiada, a manipulación de prezos ou ambas cousas. A Unidade de Vixianza do Mercado é a encarregada de controlar que non se den estes comportamentos.

Esta investigación pode dar lugar a apertura de expediente a empresas. Cómpre lembrar que Pescanova anunciou o 1 de marzo á CNMV que non se formularan as contas, a expensas da renegociación da débeda e da venda do negocio que posúe en Chile en torno ao salmón.

Nova queda de títulos

O valor das accións de Pescanova caeron nesta segunda un 17,4% en Bolsa.

Comentarios