A CNMV investiga se presidente e directivos de Pescanova venderon accións xusto antes do preconcurso

A venda das participacións por parte de, entre outros, o propio presidente da multinacional, fíxose sen informar o supervisor dos mercados

Instalacións de Pescanova
photo_camera Pescanova

O barco de Pescanova comeza a ter moitas vías de auga ás que lle facer fronte. Unha das últimas, e cuxo calado aínda está por ver, é a derivada de venda de accións da multinacional por parte de altos cargos, entre eles o presidente, Fernández de Sousa. Unha acción que non se tería notificado á Comisión Nacional do Mercado de Valores, de aí que o supervisor abrise unha investigación a este respecto.

Para alén da investigación, que se vendan accións xusto antes do preconcurso, que se solicitou o 1 de marzo, abre interrogantes sobre até que punto tiñan coñecemento os dirixentes da situación. E até onde a ocultaron.

Pugna

Nos últimos meses, o presidente de Pescanova foi desfacéndose de accións. Se ben afirma controlar o 14% das mesmas, desde o CNMV crese que esa porcentaxe é menor.

Algo que non é insubstancial, pois a oposición a Fernández de Sousa conformada por Damm e Luxempart (e que en tres ocasións pediu a revogación de Fernández de Sousa) suman unha porcentaxe moi similar.

Semanas antes do preconcurso, outro importante accionista de Pescanova, Paz Andrade, vendera 120.000 accións por dous millóns de euros.

Inquietude

Por outra banda, entre o cadro de persoal (1.500 traballadores na Galiza, uns 10.000 en todo o mundo) comeza a aumentar a preocupación, temendo algúns polo propio futuro da compañía e dos empregos

Comentarios