A CIG valorará en agosto a data para unha Folga Xeral

A CIG anuncia mobilizacións conxuntas para os días 3 e 10 de agosto. Asemade, o Secretariado Confederal da central sindical reunirase o 27 de agosto para valorar a data da Folga Xeral.
photo_camera Imaxe da manifestación do 19X na Coruña

Nesta sexta, a Executiva Confederal da CIG decidiu convocar mobilizacións conxuntas coas delegacións na Galiza das centrais sindicais españolas --CC.OO e UGT--, os vindeiros 3 e 10 de agosto. As datas foron escollidas co gallo da celebración dos Consellos de Ministr@s e procuran denunciar as agresións permanentes do goberno español aos dereitos sociais e laborais da clase traballadora galega.

Así mesmo, a Executiva decidiu convocar ao Secretariado Confederal para o 27 de agosto, á fin de valorar a data máis acaída cara a inminente Folga Xeral. Neste senso, a CIG manterá máis unha reunión cos secretarios xerais de CC.OO e UGT a prol dunha convocatoria conxunta da xornada de loita xeral. As tres centrais sindicais, mantiveron a pasada quinta un encontro mais os representantes das delegacións na Galiza de Comisións e UGT, preferiron adiar a decisión a respecto dunha convocatoria conxunta.

Malia retrasar a convocatoria da máis que necesaria folga, os secretarios xerais das centrais sindicais españolas, veñen de reunirse a pasada quinta en Madrid co presidente do goberno español, xuntanza na que presentaron as súas reivindicacións a Rajoy.Asemade, e como recolleron diversos medios os españois, os líderes de CC.OO e UGT, terían desenvolvido recentemente un encontro coa chanceler alemá Ánglea Merkel.

Pola súa banda, a CIG manterá o calendario de mobilizacións ao longo destes meses á fin de exixir a retirada destas medidas regresivas e gravemente lesivas para as maiorías sociais. Xa que logo, convocan para o 7 de setembro concentracións perante as delegacións da patronal e o 21 dese mesmo mes, mobilizacións comarcais que máis unha vez leven @s traballador@s á rúa na defensa dos seus dereitos.

NOTA: No número 8 do Sermos Galiza damos Cinco (sinxelas) razóns para secundar a Folga Xeral

Comentarios