A CIG non irá á xuntanza coa Sepi e levará as reivindicacións do naval ao Ministerio de Facenda

A central nacionalista non vai asistir á xuntanza de alcaldes de Ferrolterra e Sepi, pois entende que esta xa non é un interlocutor válido para o naval. A CIG levará as reivindicacións e demandas do sector aoMinisterio de Facenda
naval Ferrol

“Non imos participar desa cerimonia da confusión por parte do PP, senón que a imos combater”, aseverou o responsábel da  CIG en Navantia-Ferrol, Marcelino Amado. Unha frase coa que anunciaba que o sindicato non ía estar presente na xuntanza da vindeira segunda feira con alcaldes da comarca e a Sepi. Dende a CIG insístese en que a estas alturas, "coñecida a negativa da sociedade estatal e a dirección de Navantia a apostar polo dique flotante e a súa postura sobre a carga de traballo", esas reunións con vías esgotadas. A Sepi xa non é un interlocutor válido,entenden, e unha xuntanza con eles sería "unha perda de tempo".

Por iso, desde a CIG considérase que agora, a quen lle toca mover ficha é ao Ministerio de Facenda. Por iso instan ás organizacións sindicais, sociais e políticas a constituír unha fronte ampla para reclamar directamente un compromiso sobre a construción do dique ao departamento dirixido por Cristóbal Montoro.

Instan ás organizacións sindicais, sociais e políticas a constituír unha fronte ampla para reclamar directamente un compromiso sobre a construción do dique ao Ministerio de Facenda

"A vía de recorrer a Navantia ou a SEPI está esgotada. Todas as actuacións que se fagan teñen que ser diante do Ministerio e esixindo un compromiso firme co dique, que non se pode adiar máis porque a situación da empresa é dramática. O que se faga ou non se faga agora pode ser definitivo para o futuro da compañía", asegurou Marcelino Amado.

Contradición

A CIG tamén valorou a introdución a última hora dunha pequena partida nos orzamentos da Xunta dirixida, presuntamente, ao financiamento do dique flotante, como unha actuación pouco máis que propagandística por parte do PP, xa que a cantidade consignada resulta "ridícula" para levar adiante o proxecto. Esta acción “desenmascara” a falacia a respecto das restricións impostas por Bruxelas para o financiamento da infraestrutura, “porque si se pode financiar con cartos públicos”.

Comentarios