A CIG embarga bens no despacho dun alto cargo do PP por impagos a unha traballadora

A CIG vai subastar os bens embargados para cubrir os 5.000 euros que Iravedra Lestal, membro da dirección provincial do PP en Lugo e representante deste partido no consello da CRTVG, adebeda a unha traballadora. Négase a llos pagar malia a existencia dunha sentenza xudicial en firme.
Iravedra Lestal
photo_camera Iravedra Lestal

A CIG vén de proceder ao embargo de bens do despacho Iravedra Ingeniería S.L, ubicado na Rúa Río Sil de Lugo. A acción do sindicato nacionalista adoptouse pola negativa reiterada do propietario do gabinete, José Luis Iravedra Lestal a pagar os 5.000 euros que adebeda a unha traballadora malia existir unha sentenza xudicial firme que lle obriga a iso.

Perante esta negativa, a CIG optou por embargar bens do gabinete para proceder á subasta dos mesmos coa finalidade de destinar o recadado nela a esta traballadora.

"Actitude chulesca"

Para a central nacionalista, a actitude de Iravedra non é unha novidade, pois xa anteriormente estivo en procesos xudiciais por motivos semellantes. A negativa a aboar os 5.000 euros, ademáis, responde a unha "actitude de chularía e prepotencia" pois, sinala a CIG, "esa cantidade non é tan alta como para que non poida facerse cargo dela mais si que supón unha cuantía moi importante para a traballadora".

Membro do PP

Iravedra "cobra un máis que digno salario", membro da dirección provincial do PP e representante do Partido Popular no Consello de Administración da CRTVG, "polo que cobra un máis que digno salario, sen entrar en temas de dietas, das cales este señor foi triste protagonista".

O sindicato nacionalista empraza a Feijóo a que cese a Iravedra no seu cargo no consello da CRTVG.

Comentarios