No Tribunal Supremo

A CIG e ELA presentan hoxe unha denuncia contra os responsábeis da crise

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo e o secretario xeral de ELA, Adolfo Muñoz, “Txiki”, presentan hoxe unha denuncia perante o Tribunal Supremo en Madrid, coa se pretende evidenciar a connivencia dos poderes financeiros e os responsábeis políticos no saqueo das contas públicas. 

Os seus acusados son os gobernadores do Banco de España, Jaime Caruana e Miguel Ángel Fernández Ordóñez, e os responsábeis de Economía Pedro Solbes, Elena Salgado e Luís de Guindos. Xa a mediados de maio, as centrais sindicais vasca e galega acordaran que os seus respectivos servizos xurídicos estudasen se proceder unha denuncia penal ou unha querela criminal contra os responsábeis políticos e contra o gobernador do Banco de España. Finalmente será unha denuncia. 

Daquela, Seixo afirmara “estamos nunha situación de urxencia social en que non cabe outra opción que a mobilización e niso estamos comprometidos os sindicatos ELA e CIG”, e apuntara á alarmate situación da Galiza, cun índice de desemprego superior ao 20 por cento, e cun Goberno autonómico que realiza "puro seguimento das políticas que marcan no estado".