ACÚSANOS DE PREVARICACIÓN POR OMISIÓN

CIG e ELA levan os responsábeis da crise perante o Supremo

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo e o secretario xeral de ELA, Adolfo Muñoz, “Txiki”, presentaron esta mañá unha denuncia na sala do penal do Tribunal Supremo en Madrid, para evidenciaren "a connivencia dos poderes financeiros e os responsábeis políticos no saqueo das contas públicas". 

Txiki Muñoz e Suso Seixo
photo_camera Txiki Muñoz e Suso Seixo

Os acusados: os ex presidentes do Goberno José María Aznar, José Luís Rodríguez Zapatero e Mariano Rajoy; os ex ministros de Economía Rodrigo Rato, Pedro Solbes e Elena Salgado; os ex gobernadores do Banco de España Jaime Caruana e Miguel Ángel Fernández Ordóñez e os administradores e xestores das caixas de aforro e entidades financeiras. A acusación: "prevaricación por omisión". Explica Suso Seixo que, sabendo dos riscos de carácter crediticio que carrexaba o negocio inmobiliario (existían xa informes da Asociación de Inspectores do Banco de España alertando deles no ano 2006), os sucesivos gobernadores do Banco de España e responsábeis de Economía, na vez de adoptar medidas, "actuaron irresponsablemente, ata levarnos a esta situación de crise, que afecta a moitos millóns do erario público".

Por iso se presentou esta denuncia, coa esperanza de que a sala do penal a tome en consideración e a leve a trámite: "ademais de responsabilidades políticas, das que responderán nas eleccións, consideramos que teñen responsabilidade penal", di Seixo. Do mesmo xeito que a CIG presentara o pasado 1 de outubro ante a Fiscalía Xeral do Estado unha denuncia contra os antigos dirixentes das caixas galegas, e esta pasoulla a Anticorrupción, Seixo agarda que se siga aquí o mesmo camiño.

"A ver se a Fiscalía é tal dilixente coma cos dirixentes sindicais acusados de ocupar un edificio da Xunta" dixo en referencia ao xuízo de Antolín Alcántara e Víctor García, da CIG, que tivo lugar onte en Vigo. "Algo que non ten ningunha transcendencia económica. Canto máis terían que ser dilixentes con políticos que levan á ruína entidades semipúblicas, e que aínda por riba son premiados con indemnizacións". Para el, isto é unha síntoma de como funciona o aparello xudicial, en termos de clase. “Actúase con total dureza ante calquera conflito de carácter laboral e de reivindicación dos dereitos dos traballadores/as, mentres que os responsábeis destas políticas económicas, que tan graves consecuencias tiveron para o conxunto da poboación, non teñen a consideración legal de delito e, polo tanto, non reciben castigo penal de ningún tipo polos seus actos”.

Comentarios