A chuvia e as eivas aeroportuarias marcan as más previsións de ocupación hoteleira nestas ferias

As previsións da ocupación para esta Semana Santa son a metade de hai tres anos

Cunha previsión de ocupación de menos do 50%, as expectativas do sector da hostalería na Galiza perigan marcadas polo mal tempo, sendo que as borrascas atlánticas deixarán precipitacións e ceos anubrados durante toda a Semana Santa. Estes maus agoiros contrastan coas cifras de pasados exercicios en que, coma no 2010, se abeirou o 100% de ocupación. 

Dende a Asociación de Hostaleiros de Santiago de Compostela, o seu presidente Xosé Manuel Otero matiza, no entanto, que “é positivo para Galiza que estean previstas choivas en todo o estado español” xa que “así estamos en igualdade de condicións” e non se producirá un traslado do turismo interior cara o sur da península.

Con todo, Otero lamenta os problemas para o turismo galego decorrentes das carencias dos transportes, fundamentalmente no que respecta aos aeroportos. “Coa grande crise que azouta a Península Ibérica, a salvación do sector habería que procurala en Europa; porén, cos maus resultados dos nosos aeroportos e a falta e alto custo dos voos, estamos a perder a cota de mercado estranxeira que podería paliar os problemas da hostalería”, reflexiona o presidente dos hostaleiros da capital da Galiza.

Para o turismo estranxeiro, o aeroporto de referencia continúa a ser o Sá Carneiro, o que fai perder pernoctacións á hostelaría de Galiza

Non podemos perder de vista que para o turismo estranxeiro o aeroporto de referencia para chegar a Galiza é o Sá Carneiro do Porto que, no 2012, cerrou o ano cos mellores resultados da súa historia, fronte a estrepitosa caída dos galegos Alvedro, Lavacolla e Peinador. “Se grande parte do noso turismo se canaliza mediante O Porto, estamos a perder pernoctacións e, isto, consecuentemente resulta en perdas para o sector”, afirma Otero. “Xa non é un problema de eivas na promoción turística, senón que está a fallar un dos piares básicos do turismo”.

Dende o Hotel Costa Vella, un dos estabelecementos con máis encanto do casco histórico de Santiago, o seu responsábel Antonio Liñares, chama a atención sobre o feito de o turismo de Semana Santa é basicamente galego ou español e familiar e, polo tanto, moi sensíbel a respeito do prezo e a choiva. Coincide con Otero en que “o turismo internacional é a táboa de salvación do sector”, ben porque “é un perfil de turista que segue a viaxar”, ben porque “paga tarifas máis elevadas e deixa máis diñeiro na comunidade”.

Consciente de que “a Galiza ten moito percorrido que facer” canto á promoción turística, Liñares chama a facer políticas a longo prazo para conseguir un retorno dos visitantes “e non políticas inmediatas que só procuran o éxito electoral”. “Hai que procurar o valor engadido dos sitios turísticos e, neste senso, Galiza ten un enorme portencial; con todo, habería que desenvolver unha estratexia clara e, no caso de que algún lugar ou aeroporto non resultase viábel, traspasar os esforzos para os puntos rendíbeis”, xulga.

Comentarios