A batalla de Iberdrola

Presente na Galiza desde a década dos 60, cando o franquismo intensificou as concesións dos aproveitamentos hidroeléctricos, Iberdrola pretende agora reducir tamén o emprego nas zonas nas que provocou un forte impacto ambiental. A decisión está a ser contestada social e politicamente. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 353 do semanario en papel Sermos Galiza.

f1_Tema_primeira
photo_camera [Imaxe: Cedida]

m1_Tema_primeiraIberdrola está presente na Galiza desde os sesenta do século pasado, aquela década na que o deseño franquista para o noso país como fornecedor de electricidade ao resto do Estado se traduciu na construción de grandes infraestruturas hidráulicas con enormes custos sociais, económicos e ambientais.

Naquela década, a antiga Iberduero absorbeu a Sociedad Saltos del Sil, constituída en 1945 para desenvolver o proxecto de planta hidroeléctrica de Santo Estevo, que acabaría sendo a central deste tipo con maior potencia instalada en Europa. A Bacía do Sil comezaba xa daquela a dar importantes beneficios en pesetas á antecesora de Iberdrola. Agora séguellos a dar a esta en forma de euros.

Medio século despois daquel desembarco, a preocupación aniña neste 2019 en zonas como A Rúa, Valdeorras ou Petín após o anuncio da multinacional de que ía trasladar a Salamanca o seu centro de control no Sil, unha “reorganización”, en palabras da empresa, que se desenvolverá nun período de tres anos e que afectaría en principio 16 traballadores e traballadoras. A propia Iberdrola reduce esa cifra a 6 ou 9 após descontar as xubilacións previstas estes anos.

Un argumentario que o director xeral de Minas, Bernardo Tahoces, encárgase de repetir cando se lle pregunta por estes traslados: é unha “reorganización”, non unha deslocalización, que a multinacional desenvolve baseándose na centralización de servizos, e que afectará pouco persoal.

Porén, diferentes concellos (A Rúa e Petín) aprobaron nestes meses mocións que pedían evitar a “deslocalización” dos equipos que a empresa ten na Galiza cara á Salamanca. O propio Parlamento da Galiza aprobou por unanimidade en xuño, a raíz dunha proposición non de lei presentada polo BNG, unha moción contra a deslocalización dos empregos de Iberdola.

Na veciñanza da comarca hai preocupación perante a marcha dun activo importante, máis aínda en tempos nos que non sobran os incentivos para afincar poboación no rural do interior do país.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 353 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios