A banca disparou as comisións nun 60% nos últimos cinco anos

Desde o inicio da crise as comisións que a banca española cobra ás e aos client@s disparáronse até nun 60%. Nos 9 primeiros meses deste ano, as entidades ingresaron por este concepto máis de 14.000 millóns de euros
diñeiro

Entre xaneiro e setembro a banca española ingresou máis de 14.000 millóns de euros en concepto de comisións, unhas ganancias en aumento ao fixar arbitrariamente, segundo denuncian clientes e consumidor@s, a contía destes servizos. Segundo estudos e informes de diferentes entidades, como o Banco de España, os cobros por mantemento de conta, de tarxeta de crédito ou débito, transferencias... Implican ao cliente dunha entidade un desembolso medio de pola volta de 180 euros ao ano. Desde o inicio da crise, en 2007, e até comezos do presente exercicio, as comisións que a clientela abona ás entidades financeiras españolas, disparouse entre un 13 e un 60 por cento, dependendo do tipo de operación.

Así, como lembra o Banco de España, nestes catro últimos anos a comisión por mantemento e xestión dunha conta bancaria incrementouse nun 37% de media na banca española. Aliás, operacións que se repiten a diario na Galiza por milleiros de persoas, como sacar cartos do caixeiro, tamén sufriron un forte aumento. Con tarxeta de crédito, nos últimos anos sacar cartos na rede experimentou un incremento do 13,4%, nunha entidade allea nun 20,7% e na propia entidade bancaria, un 17%. Non é mellor o escenario se esta operación se fai cunha tarxeta de débito: as comisións por iso disparáronse nun 60% se se fai nun caixeiro da rede propia e nun 16,6% se pertence á rede allea.

E aínda hai máis

Mais a banca, como no casino, sempre gaña. De feito, nos últimos meses, algunhas entidades apostaron mesmo por crearen novas comisións bancarias, como a de cobrar ao cliente 1,5 euros simplemente por escribir o concepto do ingreso. “Calquera día van cobrar até por entrar pola porta”, sinalan nas organizacións de defensa do consumidor e consumidora. Na OCU mesmo se puxo en marcha unha campaña contra o carácter abusivo das comisións bancarias: “Contra a impunidade dos bancos, móvete polos teus cartos”. Esta organización afirma que “as entidades poden cobrar polos servizos que prestan unhas comisións que están establecidas nos seus libros de tarifas, o problema é que os bancos, por mor da crise, cada vez inclúen máis comisións neses libros de tarifas e moitas delas son descoñecidas pola maioría dos e das usuari@s”.

Cartos de tod@s para a banca

A banca española recibirá, desde o inicio do proceso de reestruturación do sector, coa intervención de CCM en 2009, até o ano 2014, axudas por valor de 91.059 millóns de euros, dos cales o 61,3% (55.819 millóns) correspondería coas necesidades de capital  fixadas pola consultora Oliver Wyman nun escenario estresado, segundo recoñeceron esta mesma semana fontes do propio sector financeiro. Neste escenario, e segundo esas mesmas fontes, Novagalicia Banco recibirá máis de 10.800 millóns de euros- E iso é outra das cousas que amolan, e de verdade, @s client@s das entidades”, apuntan na federación de consumidor@s: “Como pode ser que leven milleiros e milleiros de millóns dos nosos petos para taparen a súa incompetencia, e anden a chucharen até o último céntimo de euro d@s client@s?”.

Comentarios