A arbitraxe das preferentes: negocio para a Xunta e NGB

CIG-administración denuncia que persoal posto a dedo para tramitar a arbitraxe, "entre eles altos cargos da Xunta", están a obter uns bos pecunios pola tarefa, entrementres se destina a bolseir@s sen formación a traballar para Consumo facendo tarefas administrativas nas preferentes, algo que non lle corresponde
Concentración de afectad@s polas preferentes
photo_camera Concentración de afectad@s polas preferentes

A arbitraxe como solución para o calote das preferentes é a opción avalada por Xunta e Novagalicia Banco. Intentando así individualizar un problema colectivo e desmontar a onda de presión que en plena campaña é o malestar de milleir@s de afectad@s. Mais tamén, vén de denunciar CIG-administración, o procedemento da arbitraxe esta a se converter nun "chollo" e nun negocio para certas persoas e grupos, en detrimento de milleiros de euros que paga a cidadanía ou da explotación de bolseir@s.

Árbitros das prefrerentes: 20 euros por laudo... e faranse milleiros

A central nacionalista lembra que xa ten advertido que "o custo do procedemento das arbitraxes das preferentes pagaríao toda a cidadanía con cartos públicos". Sinala que se fala de 16.000 reclamacións presentadas pol@s afectad@s do calote. E os árbitros neste tema das preferentes cobran 20 euros por laudo emitido en concepto de produtividade. Son 23 persoas, sinalan na CIG, "e entre eles hai altos cargos da Xunta e amigos e afíns a, até hai ben pouco directora xeral de Comercio, Nava Castro".

Empresa con amizades e familiares do círculo do PP

A isto engaden que a empresa que finalmente desenvolve tarefas de información nas preferentes, Aider (que sustitue Eulen, concesión polémica ao estar nela a irmá de Núñez Feijóo) ten entre o seu persoal a "familiares dalgún conselleiro e de persoal de “confianza” da Xunta".

Bolseir@s facendo unha tarefa que non lles corresponde

Para facer fronte a esta voluminosa carga de traballo derivada dos milleiros de expedientes, a Xunta optou, denuncia o sindicato, por sobrecargar as e os funcionari@s de consumo, para alén de botar man dunha nova fórmula: poñer a bolseir@s que aínda están sen recibir a formación nas dependencias de departamentos aos que solicitaron entrar (Dirección xeral de comercio, xefaturas territoriais da consellaría de Economía e Industria...) a traballar para consumo, "facendo fotocopias dos expedienets das preferentes".

Estes bolseir@s entraron para cumprir cun programa formativo relacionado con eidos como a artesanía, a pequena e mediana empresa ou a actividade comercial; mais atópanse, no canto de estárense formando, facendo traballo que non lle corresponde. 

E NGB marca ritmos e pautas á Xunta

"E a desfeita non remata aquí", indican na CIG. Así, para xestionar os expedientes das preferentes "a Xunta utiliza unha aplicación facilitada polo propio banco, onde figuran todos os datos así como o seu estado actual, e aínda hai máis, o banco é quen cita os reclamados (chámanlle “precita”), indícalles o día e, posteriormente, Consumo é quen concreta a hora. A conivencia é total entre NovaGalicia e a Xunta, até se reparten tarefas".

E desleixo

Alén de todo isto, a preocupación por desactivar o problema social das preferentes leva a volcarse en atender as arbitraxes, centrando aí persoal e medios. "Hai unha orde clara con respecto ás reclamacións que calquera persoa pode presentar en Consumo: toda outra cousa que non sexa relacionada coas preferentes ficará no caixón. Se unha persoa ten un problema coa factura telefónica, coa empresa eléctrica, ou con calquera outra cuestión, que agarde sentado, porque non se lle vai dar saída en moito tempo, polo menos mentres esteamos en período electoral".

Comentarios