domingo 27/09/20

95% dos plans privados de pensións presentaron perdas netas no exercicio de 2018

As pensións públicas superan a rendibilidade ofrecida polos plans privados.
pensións
pensións

Os sistemas públicos de pensións levan moito tempo no punto de mira do poder económico, moi particularmente do capital financeiro desexoso de facerse coas grandes cantidades de diñeiro que se moven neste concepto. Así, de xeito recorrente aparecen informes e documentos recubertos dunha pretendida neutralidade científica que cuestionan a viabilidade das xubilacións públicas e advirten do risco de creba das mesmas. Os próximos meses coñeceremos varios traballos dese tipo, coincidindo coa ofensiva contra as pensións prevista no marco do rescate europeo.

O primeiro aviso chegou da man do Banco de España, cun equipo de estudos sempre á vangarda das posicións máis neoliberais e condescendes cos intereses da gran banca, xestora e propietaria de boa parte dos fondos privados de pensións. Onte mesmo, o regulador estatal fixo público un informe onde cuestionaba o carácter sustentábel do actual modelo público de xubilación, sinalando os responsábeis do organismo que o texto servirá de base para a intervención do presidente da institución, Pablo Hernández de Cos, na xuntanza do Pacto de Toledo prevista para setembro.

A metodoloxía e os argumentos empregados polo Banco de España non son novos, merecendo algúns deles noutras ocasións a crítica da práctica totalidade dos economistas non situados na esfera neoliberal. Nesta liña, insisten en facer un estudo tomando como base unha mostra “representativa” de 2.714 persoas xubiladas en 2017 e non os datos totais do conxunto do sistema, aspecto que tan duramente ten criticado Francisco Martín Seco. Asemade achéganse á cuestión atendendo a criterios de rendibilidade, afirmando que un reformado recibiu en 2017, de media, 74% máis do que achegou en contribucións á Seguridade Social ao longo da súa vida laboral, uns datos moi semellantes a 68% apuntado pola Banco de España para 1996.

O Banco de España non pode agochar a falla de rendibilidade dos plans privados de pensións. O propio regulador estatal, tan inimigo dos modelos de xubilación de reparto, recoñece que entre 2007 e 2017 “só 5% dos fondos de pensión privados tiveron unha rendibilidade superior a 3,5%”. Porén, oculta a auténtica realidade dos planes privados onde só 58 dos 1.193 planos existentes no Estado español en 2018 lograron uns beneficios superiores a 1%, nunha anualidade onde o Índice do Prezos ao Consumo situouse en 1,2%.

comentarios