80% das obras en Galiza mantíñanse en marcha até esta fin de semana

Está entre os territorios do Estado onde menos obras pararan durante a crise sanitaria até esta segunda feira, cando entrou en vigor o decreto que ordena o feche de todas as actividades non esenciais.

obras
photo_camera En Madrid, epicentro da pandemia, mantíñanse 56% das obras até este domingo (Europa Press)

O Consello Xeral da Arquitectura Técnica de España (CGATE, nas siglas en español) sinalou nesta segunda feira, 30 de marzo, que en Galiza só se paralizaran arredor de 20% das obras pola crise sanitaria da COVID-19 antes do decreto estatal que ordena o feche de todas as actividades non esenciais, como a construción de forma xeral.

Os datos forman parte dunha enquisa efectuada pola consultora GAD3 entre os profesionais da construción e que, a nivel estatal, sinala que só 34% das obras se paralizaran durante a crise.

En Galiza, polo tanto, 80% das obras permanecían en funcionamento até a entrada en vigor do decreto, nesta segunda feira. Por riba estaban Euskadi, con 87%; Cantabria, con 97%, e Nafarroa, onde non parou ningunha obra. En Madrid, epicentro da pandemia, mantíñanse 56%.

O informe do CGATE explica ademais que só 11% das destas obras activas a nivel estatal teñen un carácter urxente ou interese xeral.

Comentarios