O 72% da fraude fiscal corresponde a grandes fortunas e grandes empresas

O Estado español deixa de recadar 42.000 millóns de euros anuais por esas evasións. @s técnicos de Facenda propoñen especial combate contra esta fraude.

As grandes fortunas e empresas son responsábeis do 71,8% da evasión fiscal que cada ano se produce no Estado español. Unha perda recadatoria de por volta de 42.000 millóns de euros anuais, segundo cuantifica Gestha, o sindicato dos técnicos do Ministerio de Facenda.Gestha, que está a celebrar o seu congreso, insiste en exixir un maior combate contra a evasión polo que supón de sangría de diñeiro para as arcas públicas.

Gestha avoga, así mesmo, por fixar un Imposto sobre a Riqueza de ámbito estatal evitando as bonificacións autonómicas, e cifra nuns 3.400 millóns de euros anuais que se poderían atinxir. Esta asociación considera que deste xeito evitaríase a necesidade de recorrer a tesoirazos e recortes.

O 20% dos contribuíntes máis ricos no Estado español ten o 44% de todos os ingresos declarados. Así se detalla en 'A Desigualdade en crise: home rico, home pobre' que se presentou no congreso de Gestha. Un dato que contrasta coas rendas declaradas polo 80% restante que, malia ser catro veces máis, só representaron o 56% dos ingresos.

Estes datos indican un alargamento da fenda social e salarial no Estado español, cun aumento espectacular das persoas baixo o umbral da pobreza.

Comentarios