As 62 persoas máis ricas concentran igual fortuna que os 3.600 millóns máis pobres

A ONG Oxfam advirte nun informe das "insoportábeis" cotas de desigualdade que alcanza "unha economía ao servizo do 1%".

Sudán_Acnur
photo_camera Refuxiadas de Sudán do Sur [Imaxe Acnur]

"Actualmente, o 1% máis rico da poboación mundial posúe máis riqueza que o 99% restante das persoas do planeta", sinalan desde a ONG Oxfam no informe intitulado Unha economía ao servizo do 1%. 

Os resultados do estudo, que será presentado no Foro Económico Mundial (WEF) en Davos, sinalan que as 62 maiores fortunas do mundo concentran igual riqueza que os 3.600 millóns de persoas máis empobrecidas. 

"A desigualdade extrema no mundo está chegando a cotas insoportábeis", afirman desde Oxfam, ao tempo que denuncian que "o poder e os privilexios se están a utilizar para manipular o sistema económico e así ampliar a fenda, deixando sen esperanza a millóns de persoas pobres". 

Neste senso, a metade da riqueza xerada a comezos do século XXI foi parar aos petos do 1% da poboación máis privilexiada, mentres que a metade da poboación máis empobrecida perdeu 1 billón de dólares desde 2010. 

Amancio Ortega ten unha fortuna persoal superior ao PIB de Chad, Sudán, Burundi ou Chipre

A fotografía é cruel. Amancio Ortega, a persoa máis rica do mundo segundo a revista Forbes, posúe unha fotruna de 71.800 millóns de euros ou o que é o mesmo 78.172 millóns de dólares. Isto é, unha fortuna superior ao PIB --de acordo cos dados do Banco Mundial relativos a 2014-- de Chad (13.922 millóns de dólares), Burkina Faso (12.542 millóns de dólares), Burundi (3.093 millóns de dólares), Kenia (60. 936 millóns de dólares) ou Chipre (23.226 millóns de dólares). 

En realidade, o patrimonio acumulado polo fundador de Inditex é aproximadamente o mesmo que o PIB de Sudán (73.814 millóns de euros), un país no que moran máis de 39 millóns de persoas. 

Os paraísos fiscais ocultan arredor de 500 mil millóns de dólares

No seu informe Oxfam sitúa o Estado español como o territorio da OCDE no que máis medrou a desigualdade desde que estourou a crise económica. Aliás, asegura que aumentou de "maneira alarmante" a exclusión social atinxindo 13,4 millóns de persoas. 

En boa medida, a fenda no reparto da riqueza mundial --sinalan desde Oxfam-- débese á ocultación de patrimonio en paraísos ficais. Neste senso, das 200 empresas analizadas pola ONG, entre elas as máis poderosas do mundo, 9 de cada 10 teñen presenza nestes territorios offshore nos que se ocultan por volta de 500.000 millóns de dólares. 

Comentarios