6 desempregad@s da Asemblea de Ferrol, a xuízo por retiraren alimentos dun supermercado

Os feitos que se enxuizan aconteceron o 6 de xuño, durante unha acción simbólica para visibilizar a situación de "emerxencia social" que vive a comarca, cos niveis de desemprego máis altos do estado. Os produtos substraídos teñen un valor de 25€ e, se a policía española non llelo impedise, entregaríanos na Cociña económica

Esta sexta feira o sindicalismo combativo volverá sentar no banco d@s acusad@s. Seis integrantes da Asemblea de desempregad@s de Ferrol enfróntanse a un xuízo de faltas polos feitos acontecidos o 6 de xuño cando, após unha concentración diante da sucursal que a multinacional da alimentación Dia ten na rúa Españoleto, procederon a unha acción de carácter simbólico: retirar produtos de primeira necesidade presentado o cartón do paro, para entregalos despois na Cociña económica.

Durante esta acción vari@s participantes foron identificad@s e/ou retid@s pola policía española, que procedeu a confiscar os alimentos --cuxo valor ascende a 25,37 euros-- "con total prepotencia e chularía", segundo describen na Asemblea de desempregad@s, colocando "o lucro empresarial" por riba "da propia subsistencia das persoas". A seis das persoas que fixeron parte da acción reivindicativa impútaselles unha falta por estes feitos.

A dous días do xuízo, a CIG convocou esta cuarta feira en Ferrol unha concentración para rexeitar a imputación, protesta que repetirán na sexta ás 11.30h diante dos xulgados, cadrando coa vista oral.

Apuntan cara a un enxuizamento interesado do cal tomaron parte dunha banda a policía española por convencer a Dia para que presentase a denuncia e, doutra, o xuíz de instrución por admitir a trámite esta causa "mentres banqueiros e políticos fican impunes roubando riquezas inxentes".

Lembran na Asemblea de desempregad@s que o que se pretendía era chamar a atención sobre a "dramática situación" en que se atopan persoas que quedaron xa sen prestación económica ningunha, en especial aquelas que levan máis de tres anos no desemprego, cuxa porcentaxe se elevou un 43% respecto ao ano 2011 e que representan xa a cuarta parte d@s 270 mil anotad@s no Servizo galego de colocación na Galiza. A comarca de Ferrolterra rexistra uns niveis de desemprego dos máis altos do estado.

Comentarios