Seis de cada dez fogares galegos chegan a fin de mes "con dificultade" ou "con moita dificultade"

Son 58% dos fogares, segundo a Enquisa conxuntural do IGE, 12 puntos máis que hai un ano.

 

Supermercado
photo_camera (Foto: P.B)

En case 6 de cada 10 fogares na Galiza chegar a fin de mes conséguese con “dificultade” ou “con moita dificultade”. Segundo a Enquisa conxuntural á familias do cuarto trimestre de 2020 que hoxe mesmo publica o IGE, 57,9% dos fogares recoñecen que acabar o mes fáiselles costa arriba.

Esta porcentaxe son 12 puntos máis que os que hai só un ano (IV trimestre de 2019) afirmaban estar nesa situación: 45,6%.

Aumentaron tanto os que din chegar “con dificultade” (son agora 47,9% dos fogares, 7 puntos máis que a finais de 2019) como os que o fan con moita dificultade” (eran 4,7% ao fechar 2019 e case 10 ao despedir 2020).

En paralelo, aquelas familias que afirman que acaban o mes con facilidade ou moita facilidade son 42,5% cando hai doce meses era 54,2.

O 41,72% dos fogares galegos non se permitiu ningún extra nos tres últimos meses

Con respecto ao trimestre anterior (III trimestre de 2020), prodúcese unha diminución de 5,64 puntos na porcentaxe de fogares que chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes. Aumentan, pola contra, a porcentaxe de fogares que chega con dificultade a fin de mes (2,67 puntos) e a porcentaxe de fogares que chega con moita dificultade a fin de mes (2,97 puntos).

 A crise da Covid é unha das causas de peso desta situación, do empeoramento da situación económica en miles de fogares na Galiza.

A pandemia tamén obrigou a tomar medidas en canto a consumo. O 41,72% dos fogares galegos non se permitiu ningún extra nos tres últimos meses. Considéranse como extra os gastos destinados non só a vacacións ou viaxes, senón a facer fronte a imprevistos ou grandes compras, extras de alimentación, roupa ou calzado, saír a cear, ir ao cine, etc. Tamén se inclúe nesta categoría poder aforrar e traballar menos horas ou que algún membro do fogar se permitira deixar de traballar.

O 12,4% dos fogares galegos diminuíu outros gastos comúns, como roupa, calzado, transporte, etc, agás alimentación, no cuarto trimestre de 2020.. Ademais, o 12,3% dos fogares galegos cambiou os seus hábitos de compra, mercando marcas brancas, produtos en oferta, etc.

Comentarios