Máis de 400 tractores marchan en Ordes por un prezo xusto para o leite

Os produtores acusan Xunta e Estado de non querer dar solución a unha crise que ameaza con pechar até fin de ano, e só na comarca compostelán, máis de 300 expolotacións.

photo_camera @A3Galicia

Outra vez o ruxir do motor dos tractores nas estradas de Galiza. Esta sexta feira, en Ordes; como a quinta fora en Vilalba e antes en Lalín, Santa Comba... Tractorada e manifestación para demandar prezos xutos para o leite e para botarlle en cara ás administracións a súa covardía e irresponsabilidade ao non “mover un dedo” a prol dun sector estratéxico como é este para o país.

Perto de 500 tractores marcharon por Ordes procedentes de Mesía, Cerceda, A Baña... para exixir solucións. O comercio local volveu pechar en solidariedade cos gandeiros e os veciños volveron secundar a manifestación. Desde os sindicatos lembran que se non cambia a situación, de aquí e ao final de ano pecharán na comarca de Compostela máis de 300 explotacións. “É o principal sector da comarca e o goberno non fai nada”, indican desde os sindicatos.

Nos vindeiros días haberá novas mobilizacións. E o 3 de setembro está prevista unha magna tractorada en Compostela. Os produtores xa advirten que non se van resignar de brazos cruzados a ver como afogan o sector lácteo galego e, con el, o rural galego.

Comentarios