Un 5% máis de parad@s que hai un ano e 20 millóns de euros menos para fomentar o emprego

A oposición coincide en sinalar que os orzamentos da Consellería de Traballo e Benestar son a mellor mostra da renuncia do goberno de Núñez Feijóo a facer algo polo emprego.

oficina emprego

Galiza anda n@s 270.000 parad@s, sendo un dos territorios da Unión Europea onde máis emprego se destruíu nestes anos, como recolleu oEurostat. Un problema económico e social con múltiples consecuencias e prexuizos para milleiros de familias. Mais os apartados referidos ao emprego da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta ten cada vez menos cartos no reparto que fai o goberno de Núñez Feijóo. Algo que se reflexa nos orzamentos do departamento, presentados recentemente no Parlamento e que deron a un debate entre goberno e oposición.

“Galiza ten un 5% máis de paro que fai un ano mais a Consellería baixa en 20 millóns de euros a partida destinada a políticas de fomento de emprego”, denunciou a deputada do BNG Montse Prado, quen tamén salientou que do total das persoas sen emprego, 180.000 “non perciben ningún tipo de prestación”. “Estamos nunha situación de emerxencia nacional”, salientou.

Primeiro, os bancos. Despois, as persoas

Para Prado, os orzamentos que “deixan claro a súa ideoloxía” á hora de marcar as prioridades: “primeiro pagar aos bancos, segundo pagar a débeda e despois atender ás persoas”.

Pola súa banda, Juan Fajardo, de Alternativa Galega de Esquerda, lamentou que a Conselleira de Traballo, Beatriz Mato, estea “máis preocupada por perseguir os traballadores” e os máis desfavorecidos que en loitar “contra as tráxicas cifras de desemprego no noso país”. A falla de acción por parte da Xunta de Galicia o único que agocha, snala o parlamentar, “é o verdadeiro obxectivo do goberno galego que no é outro que é defender os intereses dos seus amigos e facer medrar os seus beneficios a costa de atacar e afundir cada vez máis a maioría social do noso país”. 

Mentiras

Carme Gallego, do PSdeG-PSOE, considera que as contas da Consellería para 2014 son “inútiles para solucionar o problema do paro” e para “axudar ás persoas”. A deputada socialista acusou a Feijóo de recortar máis de 4.000 millóns de euros en gasto social desde que está no goberno de Galiza.

Comentarios