O ex vicepresidente defraudou o fisco máis de 6 millóns nunha década

4 anos de prisión a Rato, 6 a Blesa, factura xudicial por unha fraude de 12,5 millóns de euros

O mago das finanzas, o arquitecto do suposto milagre económico español de finais dos 90, acaba de ser condenado a 4 anos e 6 meses de prisión polo caso dos cartóns Black. El e Blesa -condenado a 6 anos- terán de responder solidariamente polo conxunto do diñeiro roubado á entidade, 12,5 millóns de euros entre 2003 e 2012.

Rodrigo Rato
photo_camera Rodrigo Rato

A sección cuarta da Sala do Penal da Audiencia Nacional española ditou condena contra as 65 persoas acusadas polo uso fraudulento dos cartóns de crédito Black -unhas visas opacas que utilizaban sen ningún tipo de control- durante o período 2003-2012.

Os condenados son ou ex conselleiros ou ex directivos de primeiro CaixaMadrid e despois Bankia, entre eles unha nutrida representación de cadros do PP e do PSOE -destaca a presenza do ex ministro Virgilio Zapatero, cunha sentenza de 8 meses de prisión- , mais tamén de Izquierda Unida (o histórico dirixente Jose Antonio Moral Santín é condenado a catro anos de cadea). 

Tamén foron sentenciados a penas de cadea ex dirixentes de CC OO, como o destacado cadro sindical Rodolfo Benito (3 anos de prisión), e de UGT, Gonzalo Martín Pascual (2 anos). A patronal tampouco safa, o seu ex presidente Díaz Ferrán recebe unha condena de dous anos de cadea, como tampouco libra a contorna da monarquía, co ex chefe da Casa Real Rafael Spottorno (dous anos). 

Unha longa lista que totaliza 64 persoas, un sarillo de corrupción económica á fronte do cal a sentenza sitúa Miguel Blesa primeiro e despois, a partir da súa chegada a CaixaMadrid en 2010, Rato. O ex vicepresidente do goberno Aznar herdou a operativa de Blesa sen a modificar en absoluto, libre disposición do diñeiro para un uso privado e fraudulento sen dar contas en ningún momento á entidade financeira, que, após o seu estourido, acabou sendo nacionalizada polo Estado. O buraco deixado polos directivos tiña tal dimensión que o FROB se viu obrigado a inxectar na entidade 24.000 millóns de euros.

A sentenza condena Blesa e Rato a responderen solidariamente polas cantidades dispostas fraudulentamente por todos os encartados nesta causa, isto é, 12,5 millóns, monto do que, iso si, haberá que deducir as cantidades prescritas que non foron submetidas a xuízo.

Rato, un consumado defraudador

No caso concreto de Rato estamos perante un consumado defraudador, tal e como aponta o demoledor informe da Oficina Nacional de Investigación da Fraude achegado ao xuíz da causa. Segundo a ONIF, o ex director xerente do FMI defraudou o fisco ao longo de máis dunha década por volta de 6,8 millóns de euros.

Comentarios