4.000 obreir@s do naval toman as rúas de Ferrol para reclamar “solucións xa”

Demandan carga de traballo e a construción do dique tras a reunión dos representantes do persoal co Presidente da SEPI, que desde a CIG cualifican de “acto puramente electoral”, xa que nin se concretou a existencia ou non de novos contratos para a ría nin se confirmou sequera que o goberno español avale a construción do novo dique flotante
O naval ferrolá segue a exixir unha solución
photo_camera O naval ferrolá segue a exixir unha solución

A mobilización iniciábase, como vén sendo habitual, ás portas das instalacións de Navantia en Ferrol logo dunha asemblea do persoal en que se valorou o encontro que a representación dos/as traballadores/as mantivo no día de onte co Presidente da Sociedade Española de Participacións Industriais (SEPI), Ramón Aguirre.

Desde alí, comezou un percorrido polas principais vías de comunicación da cidade, que se prolongou por espazo de dúas horas, pasando pola avenida de Esteiro, avenida da Trincheira e a rúa Ernesto Guerra, até a rotonda do acceso norte da autoestrada do Atlántico. Aí permaneceu un grupo de manifestantes mentres outro baixaba até a AP-9, cortando o tráfico de entrada e saída a Ferrol durante unha media hora, sen que se producise ningún incidente alén das inevitábeis retencións de vehículos. Finalmente, o persoal regresou pola estrada de Castela até finalizar a protesta diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, e de regreso aos estaleiros.

Na mobilización participaron, segundo os sindicatos, uns 4.000 operari@s do naval.

“Un encontro político”

A respecto do encontro que o Presidente da SEPI mantivo coa representación dos traballadores/as, Manel Grandal, co-voceiro da U.C. da CIG de Ferrol e membro da Sección Sindical da central en Navantia, valorou a reunión de "acto puramente electoral". Grandal explicou que a SEPI, no referente á demanda de construción do dique flotante, nin sequera avala o informe que no seu día presentou o conselleiro de Industria, Javier Guerra, en que se recollía que a obra resulta viábel técnica e economicamente. Pola súa banda, Aguirre informou que se van pór en marcha tres comisións de traballo para contrastar informes, e que terán de prazo até agosto para ditar unha resolución. "É dicir, estase adiando a decisión sobre o dique, cando menos até o ano que vén. Pero o novo dique é o que nos pode dar carga de traballo no máis inmediato", subliñou Grandal.

Ademais, o Presidente da SEPI xa adiantou que, se as comisións resolven que o dique resulta viábel, nin o Goberno español nin Navantia van financiar a infraestrutura, "polo que a promesa electoral do PPdeG de que se o Goberno español destinaba partidas ao dique a Xunta tamén poría cartos, queda en nada", denunciou.

"A promesa electoral do PPdeG de que se o Goberno español destinaba partidas ao dique a Xunta tamén poría cartos, queda en nada", afirman os sindicatos

Canto á carga de traballo, o dirixente da Sociedade indicou claramente que non haberá ningún contrato para a armada española polo menos durante os próximos tres anos, por mor da crise económica e dos recortes nos orzamentos no Ministerio de Defensa. Polo tanto, a saída está no mercado exterior, en que Ramón Aguirre sinalou que existen expectativas nas actuais negociacións de acadar algún contrato no curto e medio prazo. Mais sen afondar máis na cuestión e afirmando que será o propio Presidente da Xunta quen anuncie, se houbese, os futuros encargos.

A cuestión do veto

A SEPI informou tamén á representación sindical que o Goberno enviou hai uns días a documentación a Bruxelas referida ao "tax-lease", co obxectivo de pór en marcha un sistema de bonificacións similar ao utilizado en Francia. Durante a xuntanza abordouse superficialmente a cuestión do veto á construción naval civil no estaleiro de Fene, que está sendo estudada en varias comisións interministeriais, coa finalidade de defender o levantamento do veto político en Bruxelas. Segundo explicou Ramón Aguirre, sobre esta cuestión hai un informe da comisión delegada de Industria, presidida por Mariano Rajoy, elaborado durante unha reunión monográfica sobre a situación do naval no Estado español. "Listos eles, aseverou con mordacidade Manel Grandal, chegaron á conclusión de que Europa se estaba aproveitando da situación que ten o Estado español en canto á construción naval. Cae de caixón, nós non facemos os barcos, así que os fan outros".

"En definitiva, viñeron aquí facer campaña. E quedou claro que se tratou dun encontro meramente político cando deixan a responsabilidade de anunciar calquera novo contrato nas mans de Núñez Feijoo. Pero aquí seguimos tendo un gravísimo problema: a partir do verán non hai traballo para a industria auxiliar”, lembrou Grandal. Para ilustrar este drama, nada mellor que botar un ollo ao contador que os traballadores/as colocaron hai uns meses diante da entrada do estaleiro de Ferrol, e esta mañá xa marcaba 955 despedidos/as da industria auxiliar.

Comentarios