35% dos contratos laborais a mulleres no ano 2017 foron de menos dunha semana

A maior fenda salarial en Galiza: agricultura, industria e aseguradoras.

conserveiras
photo_camera conserveiras

Foron 448.668 os contratos temporais rexistrados a nome de mulleres durante 2017, contratos que compartiron as 117.500 asalariadas que non dispoñen dun contrato indefinido, o que dá unha media de case 4 contratos a cada muller. Datos do informe Muller e mercado laboral 2017”, elaborado polo gabinete económico da CIG.

Case catro de cada 10 contratos (35%) laborais temporais tiveron unha duración inferior á semana. Se ampliamos o prazo ata o mes, é 47,6% dos contratos. Esta elevada rotación do emprego e escasa duración dos contratos explica, en parte, os baixo ingresos dunha parte moi elevada da poboación ocupada feminina.

 Fenda salarial

A discriminación salarial é xeneralizada en todas as ramas de actividade, inciden desde o sindicato nacionalista, que aponta a que tamén hai con fortes diferenzas entre estas. “De media, son 4.513 euros menos os que ingresa unha muller con respecto a un home”.

A escasa presenza de mulleres na construción, e as que están maioritariamente en traballos de oficina, fan que neste sector sexa onde se rexistra a menor fenda salarial, concretamente as mulleres cobran 8,2% menos que os homes.

A segunda rama de actividade con menor fenda correspóndese coa de servizos sociais, 16,5%. A Axencia Tributaria inclúe nela: sanidade, educación e persoal da administración pública. 62% das persoas ocupadas nesta rama de actividade son mulleres, De feito, é a rama de actividade máis feminizada e a que ocupa a maior porcentaxe de mulleres, concretamente 33,5% das mulleres traballadoras en Galiza. É persoal maioritariamente funcionario, polo que as condicións salariais son máis homoxéneas. Aínda así, a diferenza retributiva é de 16,5. A diferenza de xénero acada aquí os 4.198 euros ao ano.

As outras dúas ramas de actividade onde a presenza feminina supera 50% son servizos ás empresas e outros servizos persoais e de lecer. Nestes casos a fenda é do 29,2% e 27,7% respectivamente, moi superior á media. No que atinxe a outros servizos persoais e de lecer, ocupa 15% de todas as mulleres traballadoras galegas.

No resto das ramas de actividade a diferenza salarial supera 25% en todos os casos. No de agricultura a fenda anda en 30%,en industria en 29,7%, no de entidades financeiras e aseguradoras, 29,9%; e en servizos ás empresas 29,2%.

Comentarios