Un de cada 3 euros facturados pola industria na Galiza corresponde a empresas con sede noutros territorios do Estado

Para as empresas dedicadas ao sector servizos, esta porcentaxe sitúase no 21,6%  e para as empresas comerciais, en 15,0%.

cadena montaxe traballo mikel arrazola
photo_camera (Foto: M. Arrazola)

Un de cada tres euros da cifra de negocios da industria na Galiza é de empresas que teñen a súa sede noutro territorio do Estado español, nomeadamente Madrid. Este é un dos datos que se extraen da ‘Estatística de multilocalización empresarial correspondente ao ano 2019’, que o Instituto Galego de Estatística (IGE) publicou nestes días.

Así, a cifra de negocios das empresas industriais con sede fóra da Galiza que en 2019 realizaron algunha actividade económica aquí é o 30,9% do total do importe neto da cifra de negocios das empresas deste sector con actividade na Galiza.

No caso do emprego, o peso das empresas con sede fóra e actividade na Galiza diminúe na industria. A porcentaxe cae en 1,2 puntos

Para as empresas dedicadas ao sector servizos, esta porcentaxe sitúase no 21,6%  e para as empresas comerciais, a cifra baixa ao 15,0%.

No que respecta ao emprego, as empresas industriais con sede noutras autonomías empregan o 11,2% das persoas ocupadas na industria na Galiza. No sector do comercio a cifra é moi semellante (sitúase no 12,5% en 2019). Pola contra, no sector servizos a porcentaxe sobe ao 19,8%.

“Se se comparan as porcentaxes observadas en 2019 coas do ano anterior, obsérvase que diminuíu o peso das empresas industriais con sede fóra de Galiza no importe neto da cifra de negocios xerado por este sector na nosa comunidade autónoma (2,5 puntos)”, recolle o IGE. No caso do emprego, o peso das empresas con sede fóra e actividade na Galiza diminúe na industria. A porcentaxe cae en 1,2 puntos

A outra cara

No que atinxe ás empresas industriais con sede na Galiza que en 2019 realizaron algunha actividade económica noutro territorio do Estado, o 5,1% do seu importe neto da cifra de negocios facturouse fóra do noso país. No sector servizos, esta porcentaxe sobe ao 7,4% e no comercio ao 19,4%.

Un total de 3.983 empresas con actividade na Galiza pagan os seus impostos en Madrid. Segundo datos ofrecidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE), referidos a 2019, destas sociedades, un total de 3.323 desenvolven a súa actividade nos servizos, 357 na industria e na enerxía, 266 na construción e 37 na agricultura e na pesca.

Porén, a diferenza doutras anualidades, no referido exercicio tense detido a fuga de mercantís á capital do Estado, fundamentalmente en compañías dedicadas aos servizos. Aínda así, a práctica totalidade das principais mercantís manteñen o seu enderezo social e fiscal en Madrid, destacando as sociedades do sector eléctrico e industrial.

Comentarios