277,8 miles de parad@s en Galiza

O número de persoas en paro incrementou en Galiza (0,16%) no último ano, mentres que baixou no conxunto do Estado (-1,16%). No noso país xa son 92.800 os fogares con todos os membros activos en paro, 3.600 máis dos que había hai tres meses.

Galiza acabou 2013 con máis persoas no paro que 2012. A variación é estatisticamente pouco significativa, menos de mil persoas (arredor de 400, a propria EPA advirte que para menos de 5.000 persoas a mostra está suxeita a erros). No Estado, a tendencia é distinta: o paro diminuíu en 69.000 persoas.

En Galiza hai 92.800 fogares con todos os seus membros activos no paro. Son 3.600 fogares máis que no trimestre anterior

O paro incrementou en Galiza en taxa inter-anual nun 0,16 por cento, mentres que nas outras nacións sen Estado -Catalunya e Euskadi- as cousas foron sensibelmente mellores, nomeadamente no caso catalán, cun descenso moi significativo do 7,31%, mentres que a economía basca se anotou unha redución do desemprego do 2,72%. En ambos casos, o comportamento do desemprego foi moito mellor do que en España (a queda española do paro foi do 1,16%.

A taxa de paro galega fica no 21,96%, abondo por debaixo da española, 26,03%. A explicación é que na Galiza a taxa de actividade [que mide cantas persoas traballan en relación á poboación en idade de traballar] é sensibelmente inferior á estatal: 54,32% face 59,43%. Ou sexa, empregamos moita menos persoas do que España e, ao ser a nosa poboación activa menor, resulta máis doado que o sexa tamén a taxa de paro. A EPA tampouco recolle, loxicamente, os miles de galegos e galegas que abandonaron o País rumo á emigración.

Queda de activos

A estatística de traballador@s activ@s non deixa lugar a dúbidas. Galiza perde máis activ@s [persoas que traballan ou están no paro na procura de emprego, isto é, persoas que están no mercado laboral] do que España. Fechouse 2013 cunha caída do 2,93% no número de activ@s galeg@s, face a queda do 1,17% estatal.

Dos 277,8 miles de parad@s galeg@s 184,6 son homes e 129,2 son mulleres. A taxa de actividade entre os homes é claramente superior á das mulleres: 60,02% face o 49,14%, o cal indica que as políticas neoliberais en curso están a expulsar a moitas mulleres -que soportan piores condicións de traballo e salarios máis baixos- do mercado laboral.

Fogares

Na Galiza había, a finais de 2013, un total de 92.800 fogares con todos os seus membros activos en paro. Son 3.600 foagres máis que no trimestre anterior. Un dado que indica o forte impacto social do desemprego no noso país.

Comentarios