238 millóns de euros para queimar lixo en Sogama durante 10 anos

A Xunta anuncia a concesión durante dez anos a un grupo de empresas para explotar a incineración de refugallos no complexo de Sogama.
Vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa (Cerceda), propiedade de Sogama, que sufriu varias ampliacións. (Foto: Sogama)
photo_camera Vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa (Cerceda), propiedade de Sogama, que sufriu varias ampliacións. (Foto: Sogama)

Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e o presidente de Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), Javier Domínguez, xuntáronse a terza feira con representantes das empresas ás que a Xunta vén de adxudicar a xestión da incineración durante a vindeira década.

Por xestionar as plantas de coxeración e termoeléctrica, así como instalacións comúns do complexo, transferiranse 238 millóns de euros a Unión Temporal de Empresas que conforman Sociedade Galega de Polímeros, S.A, SETEC Building, S.L.U e Espina Obras Hidráulicas, S.A.

A Xunta esgrimiu para xustificar a ampla duración do contrato que así permite unha explotación “responsábel e sustentábel no tempo” das distintas infraestruturas que participan no proceso de “valorización enerxética de residuos non reciclábeis”, é dicir, a incineración do lixo.

Asemade, defendeu o contrato que entrará en vigor o 10 de febreiro asegurando que vai na liña do Pacto Verde da Unión Europea (UE), e que "permitirá aplicar un desenvolvemento tecnolóxico de vangarda" utilizando robots e intelixencia artificial para avanzar na sustentabilidade das instalacións.

Apelando ás directrices europeas, o Goberno defende que procura evitar que os residuos non reciclábeis acaben nos vertedoiros, a última opción que contempla o club comunitario, destacando esta “valorización enerxética” sen mencionar o uso de gas natural como un dos elementos esenciais do proceso, o que explica a presenza de Unión Fenosa primeiro e Naturgy despois no capital de Sogama.

A Unión Europea, contraria á incineración

A pesar das declaracións da Xunta, a UE sostén nas súas directivas que a incineración é contraria á economía circular, o modelo que promoven, baseado na recollida selectiva e na reciclaxe.

Ademais de cuestionar os Estados como Alemaña e Dinamarca pola incineración do lixo, a UE vetou que se subvencione a construción de máis incineradoras.

Precisamente, Sogama é a principal culpábel de que a Galiza estea á cola da reciclaxe no Estado español, mais a cabeza da incineración.

Comentarios