As 23 valonias galegas

Até agora vinte e tres concellos galegos aprobaron mocións rexeitando o TTIP, o acordo internacional irmán do CETA que está a vetar o parlamento valón.

Rianxo TTIP
photo_camera Rianxo, un dos concellos galegos que dixo non ao TTIP

O non de Valonia ao CETA, o acordo internacional con Canadá, está a dar máis dunha dor de cabeza nas altas instancias de Bruxelas e Ottawa, para alén dos mandamáis económicos de ambas as dúas beiras do Atlántico. Mais Valonia non está soa. Non é o parlamento valón a única administración que rexeitou un dos acordos internacionais transatlánticos, acordos que levan meses xerando protestas tanto polo secretismo na súa negociación como polos seus efectos prexudiciais no económico, social e ambiental.

En Galiza poderiamos dicir que hai 23 valonias. Son os 23 concellos nos que, até o de agora, se votou contra o acordo internacional transatlántico que están a negociar a Unión Europea e Estados Unidos, irmá do CETA que rexeitou a Cámara valona. Desde muncipios pequenos Manzaneda (975 habitantes) até cidades como Pontevedra (98.560) dixeron non o tratado transatlántico de comercio e investimentos (TTIP) aprobando mocións nas que se declararon “territorios libres de TTIP”. Entre todos eles suman por volta de medio millón de habitantes, o que supón case unha cuarta parte da poboación galega. Hai concellos gobernados polo BNG (Pontevedra, Rianxo, Poio ou Allariz), polas candidaturas municipalistas ou marés (Compostela, Manzaneda ou Cangas), o PSdeG (Lugo, O Barco..) ou mesmo o PP (Folgoso do Courel).

Para alén de prexuízos laborais e sociais, unha das preocupacións amosadas nestes concellos de Galiza é o impacto que o TTIP pode ter sobre os sectores primarios galegos, e non só, tanto no agro coma no mar. Unha preocupación que se recolle expresamente en mocións aprobadas nalgúns concellos, como é o caso de Rianxo, que fai referencia expresa aos perigos e impactos que tería sobre a pesca e o cultivo do mexillón, bases económicas da Ría de Arousa. O mesmo argumentario que mantén Valonia a respecto do CETA, do que desconfía por entender que, alén de dar excesivo poder ás multinacionais, prexudicaría os seus sectores produtivos.

Os concellos que dixeron non ao tratado transatlántico de comercio e investimentos foron: Ames, Nigrán, Narón, Gondomar, Santiago de Compostela, Pontevedra, Cangas, O Barco, Ponteareas, Lugo, Ribadavia, Baños de Molgas, Entrimo, Barbadás, Allariz, Manzaneda, Rianxo, Redondela, O Grove, Vilar de Santos, Pobra de Trives, Viana do Bolo e Poio. En 13 concellos galegos rexeitouse a moción que pedía dicir non ao TTIP: A Coruña, O Porriño, O Carballiño, Monterrei, Taboadela, Ferrol, Vigo, Xinzo, Ourense, As Pontes, Vilar de Barrio, Toén e Pereiro de Aguiar

Comentarios