Sermos 238

213 mil millóns, o prezo dos resgates bancarios na UE

Máis de 213 mil millóns de euros destináronse a salvar entidades financeiras na Unión Europea. Un maná para o oligopolio de auditorías e empresas financeiras. Tamén na Galiza. Deixamos un extracto da reportaxe publicada ao respeito no número 238 do noso semanario, xa na rúa.

Como nun gran truco de maxia, na Unión Europea desapareceron entre 2008 e 2015 máis de 213 mil millóns de euros. Non é unha cantidade pequena. Equivale, por exemplo, á suma do gasto anual en educación que se fai en Alemaña, Italia, Dinamarca e na República Checa. Ou ben ao que se destina cada ano aos servizos de saúde no Estado español, Austria, Grecia, Polonia e Suecia, combinados, por poñer outro exemplo. É dicir, moitísimos cartos. Eses 213.000 millóns de euros foron o montante total do diñeiro perdido polos 28 Estados membros por mor do incremento do déficit e o aumento do pagamento dos xuros como resultado directo das súas intervencións na crise bancaria. Por resumir e aclarar, como pide a analista Rosa Estévez, “foron os cartos usados para resgatar bancos e que nutriron o negocio de auditoras e empresas asesoras”.

O negocio do resgate é o título da investigación desenvolvida polo Transnational Institute (TNI), unha rede global que suma académicos e activistas. No informe debulla como o salvamento das entidades financeiras na UE se converteu en negocio que beneficia auditoras e empresas financeiras. Á cabeza do mesmo, as coñecidas como fab four, as catro grandes auditoras (KPMG, Deloitte, PWC e Ernst & Young), que dominan o 61% do mercado global e teñen un exército de 800.000 empregadas e empregados por todo o mundo. Teñen máis do 60% da cota do mercado da auditoría na Unión Europea. Do 98% se nos referimos ás empresas que operan en Londres.

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 238, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]

Comentarios