Centos de berros contra a Xunta após recortar un 4% o soldo d@s funcionari@s

Máis de 200 traballador@s concentráronse ás portas da Egap, onde o director xeral da Función pública mantivo unha xuntanza coa conselleira de Facenda e con representantes sindicais de CIG, CSIF, CCOO e UGT para negociar a baixada nos seus soldos, que se estimaba nun 7% e quedou finalmente nun 4%. Recortaranlles as dúas pagas extra do ano que vén nun 40%
photo_camera [Imaxes: @montiagudo]


Máis de 200 funcionari@s concentráronse esta sexta feira ás portas da Escola galega de administración pública, en Compostela. Ao berro de Mans arriba, isto é un atraco, agardaron ás portas do edificio a que rematase a reunión entre os representantes sindicais --CIG, CSIF, CCOO e UGT--, a conselleira de Facenda, Elena Muñoz e o director xeral da Función pública, José María Barreiro Díaz, para coñecer cales serán as medidas definitivas que a Xunta aplicará sobre os salarios dest@s empregad@s en 2013.

Ao coñeceren a decisión, representantes sindicais decidiron pecharse nas instalacións da Egap en sinal de protesta, até que Feijóo lles explicase onde está o incremento salarial do 3% que anunciara na véspera. Manteron a ocupación durante dúas horas, até seren desaloxad@s, cunha contundente actuación policial no exterior do edificio cando @s manifestantes quixeron acceder ás instalacións para apoiar o encerro.

Así as cousas, segundo confirmou Muñoz, o recorte nas nóminas será do 4% e, tal e como acrecentou, as pagas extras de xullo e setembro do ano que vén seranlles reducidas no 40%, no canto de perder unha bonificación completa, como aconteceu en 2012 coa extra de decembro, con axustes que serán progresivos segundo os soldos. Así, en función da súa contía, isto suporá unha rebaixa nas retribucións anuais de entre o 2% e o 7%.

As centrais anunciaran previamente o seu rexeitamento e oposición frontal a calquera nova redución, alertando da precarización salarial d@s traballador@s da área pública, alén dos efectos desta medida sobre o consumo e, xa que logo, na reactivación económica. Sen saír da Egap, os sindicatos anunciaron xa mobilizacións para respostar a este novo "ataque" da Xunta contra o persoal da administración pública.

Outra tesourada ás nóminas

As nóminas do funcionariado teñen recibido unha boa machetada nestes tres anos: a eliminación da paga extra de decembro decidida por Rajoy xa supuxo un recorte do 7%, que se viña engadir á rebaixa na nómina dun 5% aprobada no seu día polo goberno Zapataro. 

Os sindicatos lembran que Feijóo afirmara desde a precampaña electoral do 21-O que non ía haber máis recortes nas nóminas. Mais agora sae con esta tesourada, que terá un efecto directo en máis de 90 mil empregad@s. 

A rebaixa salarial vén sumarse á eliminación da paga extra e demais reducións en dereitos laborais, nomeadamente a eliminación dos días libres, que o Goberno  de Madrid impuxo para este colectivo e que a Xunta aceptou sen cuestión. Esta nova tesourada faise pública xusto cando o colectivo está a sentir a ausencia da paga extraordinaria de fin de ano, medida que está a afectar non só ese sector mais tamén outros como o do comercio. Institucións como o concello de Pontevedra mostraron a súa “insubmisión” á eliminación da extra, tamén decretada desde Madrid.

Comentarios