ECONOMÍA

14 de novembro: xornada de loita da CIG contra a reforma das pensións

14 de novembro: xornada de loita da CIG contra a reforma das pensións

A central nacionalista convocará manifestacións nas comarcas do país contra unha reforma coa que @s pensionistas perden 1.500 euros ao ano.

O secretariado confederal da CIG acordou convocar manifestacións en todas as comarcas do país, o 14 de novembro, contra a nova reforma das pensións. A central nacionalista denuncia que o 70% de pensionistas en Galiza cobra menos de 1.000 euros mensuais e en non poucos fogares son estes os únicos ingresos que entran.

A CIG cuestiona o informe do comité de 'expertos' no que se basea a reforma: “Das 12 persoas escollidas polo PP para formar parte do mesmo, 9 representan a bancos e aseguradoras, interesadas en promover as pensións privadas para o seu único beneficio”.A primeira proposta deste comité foi a modificación da lei que actualizaba as pensións cada ano, como mínimo, ao nivel do IPC. “Agora o PP aplicará de suba nas pensións, cada ano, un 0,25%, polo que en relación ao IPC dos últimos 5 anos unha pensión de 1.000 euros ao mes perdería 1.330 euros no ano”.

A central sindical explica que agora as pensións representan só o 10% do PIB, mentres, por exemplo, en Italia representan o 16%; en Francia o 14,6%; en Alemaña o 12,8% e na media da UE é do 13%. Ante isto, a central sindical conclúe que o Estado podería dedicar 60.000 millóns máis ao ano para igualarse con estes países.

Favorecer a ricos e defraudadores

A CIG chama tamén a atención sobre o feito de que mentres as pensións se financian con cotizacións, o resto do gasto público, como o gasto militar de 15.000 millóns anuais, ou o financiamento da igrexa católica ou da Casa Real páganse cos orzamentos do Estado.

Ademais, subliña que o goberno aplica unha desgravación fiscal ás pensións privadas, perdendo o estado máis de 3.000 millóns de euros ao ano, que podería ingresar nas pensións públicas.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

Máis en ECONOMÍA
comentarios