12.600 moz@s 'desapareceron' de Galiza desde o mes de outubro

Teñen entre entre 20 e 34 anos. Só no último trimestre a poboación de máis de 16 anos diminuiu no noso país, segundo a EPA, en 18.500 persoas, das que 12.600 corresponden a ese tramo de idade.

mocidade andando

En Galiza hai agora 12.600 persoas menos de entre 20 e 34 anos que hai tres meses. Moz@s que xa non figuran, non existen en termos laborais. Desapareceron. Unha das múltiples caras da suma de crise + desemprego + ausencia de perspectivas. Unha situación que a CIG voltou a denunciar esta quinta feira, data na que se coñecen os esmagadores números da Enquisa de Poboación Activa (Galiza: 278.000 parad@s e 93.000 fogares con todos os membros no desemprego).

“Só no último trimestre, a poboación de máis de 16 anos diminuiu en Galiza, segundo a EPA, en 18.500 persoas, das que 12.600 corresponden ao tramo de idade entre 20 e 34 anos. Unha sangría que, porén, non consegue evitar que a taxa de paro neste tramo de idade se manteña por riba do 30%”. Para o secretario confederal de Emprego, Malvido, esta situación é responsabilidade do Partido Popular “e ás súas políticas erradas”.

Alerta ademais do grave risco de exclusión social que corren cada vez máis familias, tendo en conta que a esta altura hai en Galiza 92.800 fogares con todos os seus membros activos no paro, 3.600 máis que no trimestre anterior, pero 43.500 fogares máis que no IV Trimestre de 2009, primeiro dato dispoñíbel no IGE.

Comentarios