Simpatizantes do PP erguen o dedo cara @s estafad@s das preferentes

A plataforma de persoas afectadas de Compostela concentrouse diante do hotel onde esta formación ofrecía un mitin de campaña durante as tres horas que durou o acto. Tiveron que aturar os improperios d@s asistentes, e ''unha inxente cantidade de policías'' que lles impediron a entrada nas instalacións ''namentres as outras forzas políticas nos sentan en primeira fila''

Alí onde hai un mitin do PP hai unha concentración de persoas afectadas na fraude das participacións preferentes. Contar cóntanse por miles. En concreto, 100 mil no total na Galiza e 45 mil de Novagalicia Banco--, mais mobilízanse en pequenas plataformas repartidas polas comarcas. Esta quinta feira tocou facer campaña conservadora en Compostela, e alí estiveron, "como moscas", decenas de estafad@s berrando consignas e soportando os improperios d@s simpatizantes do PP.

Tres horas na beirarrúa de enfronte

"Botamos alí desde as nove até as doce da noite. Feijóo chegou tarde e entrou pola porta de atrás, como os ratos. Mandáronnos unha inxente cantidade de policías que nos impediron asistir ao acto como cidadáns libres que somos.

Namentres o resto de forzas políticas nos acollen ben e nos sentan na primeira fila, levemos camisolas ou levemos faixas, e fan continuas referencias á estafa e ao RD español, para o PP o das preferentes non é tema de mitin".

Quen fala é Jesús Domínguez, voceiro da plataforma de afectad@s en Compostela. Fixo parte da comitiva colocada esas tres horas na beirarrúa de enfronte ao hotel Araguaney, na zona nova de Compostela, "que diante da porta non nos deixaron estar".

Quéixase das "actitudes miserábeis" que vari@s d@s asistentes ao mitin manteron cara @s manifestantes, erguendo cara a el@s o dedo corazón e lanzándolles insultos.

Contramitin sobre a estafa e o RD que expropiará os aforros de 100 mil persoas

E como tres horas dan para moito, decidiron facer un contramitin falando "do que hai que falar".

Berraron que 'Feijóo é cómplice da estafa' porque "hai informes previos á fusión das caixas, varias veces reclamados pola oposición no Parlamento e que aínda hoxe non son públicos, onde se fala xa das preferentes. E non só iso, senón que deu o visto e prace a novas participacións" nos anos 2010 e 2011.

Falaron da estafa, e do RD que no mes de agosto, "en plenas vacacións", sacou adiante pola porta de atrás o Goberno español e que suporá unha quita por parte do FROB e "unha expropiación" de até o 70% dos aforros.

Contou Domínguez que aínda esta sexta feira, ao ir comprar o pan, atopou cunha muller estafada. "Díxome que solicitara a arbitraxe en marzo e que aínda non a chamaran". Explicoulle Dominguez que se non se realizou a mediación no prazo dun mes "o que lle vén encima é unha expropiación, mais non o quería crer. A maior parte da xente vai a Consumo informarse, e alí están a espallar un efecto tranquilizador porque pasado-mañá temos eleccións".

A plataforma, a nivel nacional, ten solicitada unha reunión con Feijóo desde o 2 de agosto. O banco está a rexeitar "tres de cada catro" arbitraxes, e Domínguez ten claro que non lles van pagar as obrigas subordinadas con data de vencemento.

"Pagaron as do 1 de outubro, mais agora a ver que pasa en 2013", pois os produtos que nas entidades financeiras subscribiron con prazo límite "no RD reciben o mesmo tratamento que as preferentes".
 

NOTA: As imaxes foron cedidas por Zapa Dacosta, colaborador deste medio e ameazado por terceira vez pola policía española namentres facía o seu traballo nas mobilizacións de afectad@s por esta estafa.

Comentarios