@s pensionistas coas rendas máis baixas terán que adiantar 30€ ao mes para se medicaren

A medida escrita en Madrid afectará de maneira moi especial á Galiza, nación coa poboación máis envellecida do Estado e onde as pensións que cobran @s nos@s idos@s son as máis baixas

A partir do 1 de xullo, @s pensionistas non poderán esquecer a carteira cando se acheguen até a farmacia recoller os seus medicamentos. En 30 euros ao mes cifra a CIG a cantidade que deberán adiantar aquel@s con rendas máis baixas.

O Consello Interterritorial de Saúde ten previsto aprobalo na cuarta feira próxima co acordo das autonomías, cando menos co das rexida por gobernos do PP, que son a meirande parte delas, incluída a Galiza. En virtude desta norma, @s pensionsitas coas rendas máis baixas deberan adiantar nas farmacias 30 euros mensuais se queren levar para a casa os medicamentos que lles foron prescritos na consulta.

A medida afectará de modo especial ao noso país, que conta coa poboación máis envellecida do Estado e tamén coas pensións máis baixas. Son en total 450.217 @s galeg@s que cobran pensión por xubilación. A contía media: 776,94 euros. O tope para aquel@s que cobren máis de mil euros anuais será de 60 euros, o que supón que unha persoa cunha pensión mensual superior aos 8.000 euros ao ano tería que desembolsar só o dobre que outra que só ingresara 600 ou 700 euros. En case de que o gasto sexa inferior aos 30 euros, @s pensionistas poderán solicitar a devolución do diñeiro, mais deberán agardar até tres ou catro meses, segundo apunta a central sindical, para volver a telos entre as súas mans.

Para a CIG, é “un insulto á intelixencia” o argumento utilizado pola Administración para xustificar a medida: evitar a acumulación de medicamentos nos fogares. A central sindical considera que o copago terá, en efecto, un carácter disuasorio, mais non dende a perspectiva que apunta a administración, senón canto a que fará que as persoas enfermas, con máis problemas económicos, acaben por non retirar os medicamentos para non ter que afrontar, por adiantado, o pagamento.

A central sindical considera que o sistema é inxusto e afecta ao principio redistributivo. A CIG propón que a financiación dos medicamentos se faga en exclusiva a través dos impostos, tanto dos ligados ao nivel de renda como á actividade econónica e financeira, de modo que pague máis quen máis ten.

A partir da entrada en vigor do novo decreto sanitario, as e os xubilados deberán pagar un 10 por cento dos medicamentos. As persoas en activo, que antes financiaban o 40 por cento dos mesmos, agora deberán sufragar entre un 50 e un 60%. A medida podería supor que as arcas estatais recadaran até 551 millóns de euros máis ao ano da cidadanía, segundo o estudo Proxección e consecuencias do Real Decreto Ley 16/2012 realizado pola empresa farmacéutica Cofares.

Comentarios