@s gandeir@s suspendena a entrega de leite en defensa dun prezo xusto

O sector lácteo galego deixará de entregar unhas 6.000 toneladas ao día, nunha mobilización que está a ter un amplo seguimento, segundo @s convocantes. A protesta procura poñer fin ao escenario de baixos prezos que soportan desde hai tempo e que aboca ao peche a non poucas explotacións
Protesta de gandeir@s ante unha área comercial
photo_camera Protesta de gandeir@s ante unha área comercial

Nin un litro de leite á distribución nin á industria até que se pague o produto a un prezo xusto. Baixo esta premisa, milleiros de gandeir@s comezaron a madrugada pasada a folga de entrega de leite, unha medida "desesperada" recoñecen e que lles vai facer perder cartos cando a situación que atravesan desde hai meses é máis que dificultosa. Porén, engaden, é a vía que lles queda para denunciar o que acontece e exixir unha solución. Cada día de paro supón 6.000 toneladas de leite sen distribuir e unha perda media diaria de pola volta de 300 euros por explotación.

Do sector do leite viven na Galiza unhas 65.000 persoas

O leite págase na Galiza aos e ás produtoras a unha media de 28 céntimos, dos prezos máis baixos da Unión Europea e do estado. Producir ese litro de leite custa, só en penso para manter as vacas, 36 céntimos. Xa que logo, @s gandeir@s galeg@s perden cartos por cada litro que producen. 

A Xunta tamén ten parte de responsabilidade

 Os sindicatos e colectivos convocantes inciden na responsabilidade da Xunta na actual crise que atravesa o sector leiteiro. Lembran que Feijóo tense embarcado en iniciativas a prol de sectores (naval ou Citroën, apuntan como exemplo) en que a administración autonómica non ten todas competencias. E sí as ten no agro e no leite. Porén, denuncian, o goberno galego non fai nada ao respecto.

Na tarde desta segunda, e por máis de catro horas, representantes da produción, da industria e das grandes superficies estiveron reunidos, coa mediación da conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana. Malia que se lle esperou, o presidente en funcións, Núñez Feijóo, non fixo acto de presenza.

@s productores tamén queren que distribución e industria tomen nota do "dramático" da situación que atravesan as 11.000 explotacións leiteiras que hai na Galiza, a metade do total do estado español. Nos últimos anos tiveron que pechar máis de 5.000 explotacións e se non hai un cambio, indican ese vai ser o futuro da inmensa maioría daquelas que quedan.

Comentarios