Máis de 2.000 persoas manifestáronse nesta fin de semana en Sarria en defensa da continuidade da planta de Cementos Cosmos e o mantemento dos centos de emprego que dependen da súa actividade, nunha das mobilizacións máis numerosas que se lembran na comarca nos últimos anos.
A dirección da empresa comunicou aos e ás traballadoras o inicio dun "expediente de crise" , un anuncio que no plantel se intrepreta como unha aposta por pechar Cementos Cosmos. Da actividade desta empresa dependen 93 empregos directos, 20 de industrias auxiliares, 80 transportistas e arredor duns catrocentos postos de traballo derivados da actividade da factoría.
Ademais, sinalan na CIG de Lugo, o peche de Cementos Cosmos podería supor o peche de Calfensa –que depende da factoría de cemento- e o de Magnesitas De Rubián, provocando o desmantelamento industrial de toda a comarca "e condenándoa á miseria e á emigración".
Impacto
A fábrica, segundo explicou o presidente do Comité, podería estar a plena produción e vendendo todo o material (é a única empresa de cemento en Galiza), mais nestes momentos perde cota de mercado a causa da competencia desleal que lle fai outra planta que o grupo propietario de Cosmos (unha multinacional brasileira) ten en Toural dos Vaos, e que vende o 90% da súa produción no mercado galego.