Piden garantías de que o tax lease aprobado permita competir en igualdade co resto da UE

Partidos e sindicatos consideran positiva a aprobación do tax lease para o naval galego, mais demandan garantías e mesmo se solicitan compensacións para o sector polas perdas acumuladas nestes 18 meses de veto
photo_camera Estaleiro de Barreras en Vigo

Desde a suspensión, hai 18 meses, do tax lease e até agora, que a Comisión europea vén de o aprobar de novo, no sector naval galego perdéronse milleiros de empregos e tivo perdas superiores aos 2.000 millóns de euros. Por iso, aínda que no BNG consideran positivo o paso dado agora por Bruxelas, pídense medidas de compensación para o naval polas perdas e prexuízos causados.

Alén disto, a fronte nacionalista avoga porque o tax lease garanta a competencia en condicións igualdade co resto de naval da Unión Europea. Tras “vinte meses de paralización de facto do sector”, lembra a eurodeputada nacionalista Ana Miranda, “o BNG confía en que o novo sistema anunciado pola Comisión Europea permita unhas regras iguais para todos e con totais garantías legais”. “Esperamos poder coñecer o contido do novo sistema de inmediato para poder asegurar que non hai sorpresas desagradábeis agochadas na letra pequena”, salienta Miranda.

As centrais sindicais reclaman que se aplique xa

Pola súa banda, na CIG reclama a modificación do Imposto de Sociedades para que o novo tax lease poida comezar a se aplicar. Ao mesmo tempo, na central nacionalista fan fincapé na necesidade de que se aclare canto antes a cuestión da retroactividade no caso de que o anterior sistema sexa declarado ilegal e que se garanta o financiamento dos futuros proxectos.

Desde CCOO valórase positivamente o paso de aprobar o tax lease, máis lémbrase que só resolve "un terzo do problema", pois hai que agardar que se peche o anterior expediente a estas bonificacións. Pola súa banda, a UGT di que é unha boa nova e solicita que se aplique canto antes.

Comentarios