O PP devolve as caixas "ao pasado"

Máis unha reforma da Lei de caixas devolverá estas entidades ao seu "labor orixinal" do que o goberno español di "non terían que ter abandonado". En 2010, PP e PSOE pactaron a reforma que permitiu a descapitalización das caixas de aforro e a súa bancarización. A reforma, en todo caso, chega tarde para Galiza, virtualmente desaparecida Novacaixagalicia.

photo_camera Alberto Núñez Feijóo cos directivos das caixas, actualmente investigados

Após o desmantelamento das caixas de aforro --incluídas as galegas, só sobrevive Caixa Rural Galega-- o executivo de Mariano Rajoy mudará máis unha vez a lexislación para "fixar límites" e (de)volver estas entidades financeiras á "idea orixinal" da que din "non terían que ter abandonado". 

O ministro de Economía español, Luís de Guindos explicou após a xuntanza semanal do Consello de ministr@s os trazos xerais da nova Lei de caixas que será remitida nos vindeiros días ao Congreso d@s deputad@s. "O anteproxecto de lei supón unha volta aos límites orixinais", explicou o ministro e é que o texto aprobado polo executivo de Mariano Rajoy dá marcha atrás na reforma aprobada polo goberno de Rodríguez Zapatero. Decisión que naquela altura (2010) contara co visto e prace do Partido Popular. 

A medida presentada esta sexta feira en comparecencia de imprensa responde a unha das exixencias da Troika (BCE-UE-FMI) recollida nos acordos que rexen o rescate á banca española e ten por obxecto "avanzar no proceso de saneamento e recapitalización" do sector financeiro. Neste senso, o texto (re)estabelece limitacións no exercicio da actividade financeira das caixas. Así, impide que estas entidades desenvolvan actividades para alén dunha única comunidade --agás excepcións concretas-- e restrinxe o seu volume de negocio a 10 mil millóns de euros circunscribindo os seus clientes a pemes e minoristas. 

Maiores limitacións perante os "excesos" 
Galiza é un bo exemplo do 'saber-facer' dos directivos das extintas caixas de aforro. Após a modificación lexislativa pactada por PP e PSOE en 2010 para que as persoas responsábeis das direccións das entidades permanecesen ao mando logo da súa fusión, o goberno español recoñece que produciron excesos e que será preciso endurecer as incompatibilidades para reducir o control político das caixas. Neste senso suprimirase a figura de Director/a xeral e fixarase un réxime de incompatibilidades nos órganos de goberno requerindo que cando manos "a metade sexan independentes". 

Asemade, aquelas entidades que arestora teñan participación nunha entidade bancaria pasarán a ser fundacións.  

Comentarios