"General Dynamics non cumpriu nunca cos seus compromisos con Santa Bárbara"

General Dynamics anunciou o peche de Santa Bárbara este ano e despedirá aos 180 operarios da factoría de armas coruñesa. Desde os sindicatos acúsase á empresa estadounidense, propietaria da fábrica, de "non cumprir nunca cos seus compromisos"
Manifestación peche Santa Bárbara

A decisión de General Dynamics de, no proceso de reestruturación do grupo no Estado español, pechar a factoría de Santa Bárbara na Coruña e botar á rúa os seus 180 traballadores, está a convulsionar a cidade herculina.

A propietaria, de raíz estadounidense. xustifica a decisión en que o mercado de armas é especialmente afectado polo crise e que Santa Bárbara "xa non era viábel".

Os sindicatos xa manifestaron o seu rexeitamento ás intencións da propietaria. Para a CIG, "General Dynamics non teña cumprido cos seus compromisos de inversións tecnolóxicas e achega de carga de traballo que adquiriu no momento da súa privatización, como o demostran as Contas de Resultados Anuais, nas cales queda patente a dependencia case absoluta dos pedidos do Ministerio de Defensa”.

Rexeitamento

Dende a CIG sempre se defendeu que se lle dera autonomía ás fábricas para buscar alternativas de traballo no ámbito civil, que permitisen paliar as baixas nos pedidos de Defensa, “cousa que desde a Empresa nunca se apoiou”.

O BNG xa presentou xa no Congreso dos Deputados a solicitude de comparecencia do ministro de Industria para que informe na Cámara do anuncio de General Dynamics de pechar a factoría coruñesa. O BNG quere que o ministro de Industria explique, de inmediato, se coñecía a intención da multinancional norteamericana e que expoña as xestións que fixo Defensa ante General Dynamics para evitar centos de despedimentos.

Pola súa banca, o voceiro do BNG na Coruña, Xosé Manuel Carril lembra que no ano 2001 o Ministerio de Defensa e General Dynamics asinaron un acordo de venda das factorías de Santa Bárbara, até entón empresa pública, que incluía un prego de condicións como un Plan de Viabilidade para garantir o futuro da empresa e o mantemento dos postos de traballo.

Comentarios