Estafad@s polas preferentes intensifican as protestas con novos peches e manifestacións

Afectad@s dan un novo pulo á protesta contra o calote e ocupan caixeiros e o concello do Rosal para exixiren solucións. Aliás, este sábado decorrerá en Lugo unha gran manifestación con presenza das 24 coordinadoras de afectad@s do noso país
Protesta de afectad@s polas preferentes en Compostela
photo_camera Protesta de afectad@s polas preferentes en Compostela

@s afectad@s polo calote das preferentes e subordinadas, pola volta de 90.000 na Galiza, non están dispost@s a que este problema fique no caixón de asuntos para seren resoltos sine die para Xunta e entidades financeiras. Por iso, aumentan e intensifican, sobre todo no sur do país, as protestas, pasando a ocupar caixeiros automáticos e mesmo o Concello do Rosal. As protestas esténdese así por Gondomar, Cangas ou o xa mencionado do Rosal (neste concello hai máis de 1.300 estafad@s).

A finalidade é, como sinalaron os e as participantes nestas mobilizacións, manter o problema na axenda dos políticos e presionar para que se lle dea unha solución, conscientes de que após as eleccións do 21-O o goberno de Feijóo xa non se amosa tan preocupado polo impacto das protestas.

Manifestación

Aliás, a Plataforma de Afectados polas Preferentes e Subordinadas de Galiza convoca para este sábado 15 de decembro  unha manifestación que percorrerá as rúas de Lugo, con saída ás 11 da mañá de diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en Lugo. Participarán na manifestación persoas das 24 plataformas de afectad@s, en que @s pequen@s aforrador@s reclamarán que se lles integren o 100 % dos seus aforros xa que consideran as “quitas” abusivas e "que son un roubo". Javier Novo, portavoz da Plataforma de Afectados polas Preferentes e Subordinadas de Lugo, reclamou a implicación dos gobernos da Xunta de Galiza e do estado para pór solución "a un roubo dos cartos de milleiros de pequenos aforradores galegos por parte dos bancos".

As reivindicacións d@s afectad@s polas participacións preferentes pasan por que o goberno central e o da Xunta recoñezan, tal e como explicou Javier Novo, “a fraude xeneralizada que supuxo a comercialización deste tipo de produtos financeiros de alto risco e que se recoñeza a estafa que isto significa. Solicitamos a devolución íntegra dos aforros das persoas que se están a demostrar que son claros casos de fraude como acontece en cada caso que se resolve a través dos laudos de arbitraxe”.

Comentarios