"Defendemos que Alumina siga funcionando aquí, como se hai que buscar outro xestor"

Antón González, responsábel de CIG-Metal en Lugo e da sección sindical de Alcoa en San Cibrao, advirte que a ameaza da actual propietaria de marchar se non atinxe a tarifa eléctrica competitiva non pode implicar o peche da factoría. "Terá que haber outros xestores, públicos ou privados"
manifestación de alcoa
photo_camera Manifestación en defensa de Alcoa. Foto: CIG

A loita polo mantemento dos postos de traballo na factoría de Alcoa en San Cibrao, A Mariña, leva meses mobilizando a comarca lucense, consciente de que  'Alumina' (como se lle coñece popularmente na zona) é a única grande empresa que teñen e o alicerce para o futuro do emprego mariñán. Manifestacións de milleiros de persoas en Viveiro, apagóns simbólicos de 15 minutos en toda a comarca, concentración a escuras de 2.500 persoas en Burela... O apoio das persoas da Mariña á continuidade da factoría contrasta co desleixo de Xunta e goberno central, denuncian desde sindicatos e comité de empresa. Antón González, responsábel de CIG-Metal en Lugo e da sección sindical en Alcoa, atende Sermos Galiza minutos antes de protagonizar esta terza unha nova mobilización, nesta ocasión perante a Deputación de Lugo. E esta quinta, 27 de setembro, haberá unha concentración diante da Xunta de Galiza.

Meses reclamando unha tarifa eléctrica competitiva que permita a continuidade da factoría... Estase máis perto de atinxir o obxectivo?

A comarca está a se volcar, mais o certo é que vontade política de dar unha solución ao problema non vexo moita a verdade. E máis após as recentes declaracións da conselleira de Traballo, botando a responsabilidade en Madrid e alegando que a Xunta non ten competencias. Levamos ano e medio falando con alcaldes do PP da comarca, coa representante da Xunta en Lugo, co conselleiro de Economía e Industria... Para que agora nos digan que non teñen competencias? Estiveron, logo, a xogar con nós?

Mais hai intención pola súa banda de lograr esa tarifa?

Eu creo que, por decilo dalgún xeito, hai unha certa conivencia de obxectivos entre a multinacional e o PP, e máis neste tempo de campaña electoral. Os populares queren ir capeando o tema e gañar as eleccións. E a propietaria, a multinacional, semella que quere preparar o terreo para marchar sen reponsabilidade ningunha. Parece que as decisións están tomadas desde hai tempo e pechar as factorías da Coruña e Avilés, pois sería asumíbel, mais a de San Cibrao...

A de San Cibrao?

A de San Cibrao é algo distinto. Non só por seren 2.000 empregos directos nen polo feito de que é a única industria en toda a comarca da Mariña. Esta factoría de Alcoa representa por volta do 35% do Produto Interior Bruro (PIB) de Lugo. Estamos, pois, a falar de algo moi importante. E máis nun contexto de crise. Son cartos, moitos cartos... e se se interrompe iso, vanse resentir os servizos públicos e prestacións...

En Italia e noutros lugares de Europa teñen o tipo de tarifa que reclama a empresa para aquí. Logo, é posíbel darlle ese réxime tarifario competitivo

Coincide a reivindicación d@s traballadoras coa da empresa...

Nós o que demandamos é que se atenda a petición dos xestores da factoría porque a nós preocúpannos os postos de traballo. En Italia e noutros lugares de Europa teñen o tipo de tarifa que reclama a empresa para aquí. Logo, é posíbel darlle ese réxime tarifario competitivo.  É o futuro dunha comarca do que estamos a falar. Mais nós o que queremos é que a factoría siga funcionando e o faga aquí, independentemente de quen sexa o propietario ou xestor. Chegados a este punto, sería bo que  houbese un plan B para Alumina.

Plan B?

Non pode ser que se dea por feito que se os actuais propietarios marchan por non acadaren esa tarifa, isto acabouse. Deberíase estar a traballar buscando outros xestores para a factoría, públicos ou privados. Durante moitos anos, aquí fixeron moitos, moitos millóns. E o aluminio é un sector que non está a sufrir a crise como outros. Alén diso, o complexo de San Cibrao está moi modernizado, con sistemas de última xeración, non é que obrigue a un forte investimento neste eido.

Non pode ser que se dea por feito que se os actuais propietarios marchan por non acadaren esa tarifa, isto acabouse

E sería rendíbel?

Non hai moito, os responsábeis da factoría comentaron, e son datos que dixeron nunha xunta de accionistas, que se xeraban 600.000 dólares de ganancia ao día libres de impostos. Como non vai haber xente interesada? A factoría de San Cibrao montouse con diñeiro público, a través dunha empresa o INE, e despois creouse o grupo Inespal. E pouco a pouco foise avanzando cara á privatización até que xa con Aznar case se pode dicir que se "regalou", porque se vendeu moi barata.

Comentarios