“Aquí xa temos Porta do Sol, non necesitamos deslocalización”

Seguimento de máis do 70% na xornada de folga convocada en Unísono. Centos de persoas participaron na manifestación en reclamo do mantemento dos 97 postos de traballo que a empresa quer deslocar de Vigo. Vídeo no interior.

Manifestación Unísono Vigo

Baixo esa ocorrente consigna, e outras moitas, preto de 700 persoas participaron da manifestación, convocada pola CIG, que reclamaba onte en Vigo o mantemento dos 97 empregos que a empresa do contact center Unísono quer deslocar a Madrid. A marcha, que percorreu as principais rúas do centro para concluír perante a delegación da Xunta de Galiza na cidade olívica, foi o corolario a varias semanas de protestas que apuntan continuarán toda vez a empresa insiste nos seus plans de prescindir do vinte por cento do seu plantel en Vigo.

Aliás, onte desenvolvíase unha xornada de folga cuxo seguimento superou o 70%, segundo cifras da central nacionalista, quen cualificaron a convocatoria de “rotundo éxito”. As e os traballadores iniciaran o día anterior unha acampada reivindicativa.

A convocatoria concluíu coa lectura dun manifesto ás portas do edificio da Xunta no Areal vigués, no que a secretaria da sección sindical da CIG en Unísono, Raquel Vázquez, afirmou que empresa “colmou a nosa paciencia” denunciando que “desde setembro, nunha pingueira, levamos perdidos arredor de 260 postos de traballo”. A respecto do expediente de mobilidade xeográfica que xulgan inxustificado e inxusto cualificou a medida de “discriminatoria que só busca despedir indefinidas, e pouco importa que se trate de nais e pais, embarazadas ou traballadoras con persoas dependentes ao seu cargo”
“Aplícan un expediente de mobilidade xeográfica a un sector que se desenvolve a distancia, a sabendas que as compañeiras teñen unhas circunstancias persoais que lles impiden facer o traslado e que polo tanto, se ven abocadas a autodespedirse cunha indemnización miserable” explicou a sindicalista nacionalista.

Desde a CIG reclamaron ao Goberno galego que “asuma a súa responsabilidade e que se paralice de xeito inmediato a destrución de emprego na nosa empresa”. Precisamente, esta mañá estaba previsto un encontro entre o Comité de Empresa e a delegada da Consellaría de Traballo, para abordar a situación de Unísono.

Grândola Vila Morena

Porén, o acto non se limitou a abordar o conflito criado na empresa. “A nosa loita, xunto a moitas outras que se están a dar no noso país e noutros, forman parte dun movemento imparábel de batalla pola recuperación e aumento dos nosos dereitos, dos dereitos da clase traballadora en loita contra o capital” asegurou Raquel Vázquez no remate da súa intervención. Os centos de persoas congregadas no remate da manifestación entonaron o Grândola Vila Morena, aproveitando a concidencia coa celebración do 25 de abril, e máis o himno galego.

Apoio do BNG

A manifestación, á que se sumou a CGT mais da que ficaron ausentes CCOO e UGT a pesar de teren representación no Comité de Empresa, contou coa presenza dunha numerosa delegación do BNG, encabezada pola súa deputada no Parlamento galego, Carme Adán e o concelleiro vigués Xabier Alonso. A fronte nacionalista presentou a pasada semana unha batería de iniciativas para interpelar á Xunta a respecto do futuro de Unísono. A secretaria da sección sindical da CIG, Raquel Vázquez, expresou publicamente o agradecemento do plantel ao BNG polo seu apoio.

Comentarios