Antonio Rosales, delegado sindical na ITV: "Despedíronme porque a CIG é incómoda para a empresa"

SyC, empresa concesionaria da Inspección Técnica de Vehículos (ITV) na Galiza, despediu a Antonio Rosales, delegado da CIG desde 2005, nun caso que a central nacionalista cualifica de delito contra a liberdade sindical. A CIG presentará querela criminal contra a concesionaria
Antonio Rosales, no centro da imaxe.
photo_camera Antonio Rosales, no centro da imaxe.

A sala 5 do Xulgado do Social número 2 de Pontevedra acolleu estes días o xuizo polo despedimento pola empresa SyC de Antonio Rosales, delegado sindical da CIG, que alegou para esa decisión unha suposta utilización de horas sindicais sen xustificar. Tanto Rosales como a central nacionalista negan que ese sexa o motivo real do despedimento ("a propia empresa recoñeceu no xuizo que sempre lle notifiquei con antelación suficiente que ía facer uso das horas") e apuntan unha estratexia da concesionaria para calar o traballo "incómodo" que desenvolve o sindicato para os intereses da patronal.

Despedírono após a negativa da CIG de asinar un convenio colectivo que discriminaba os traballadores con discapacidade intelectual...

Fun elexido delegado sindical en 2005 pola CIG e este sindicato sempre tivo unha traxectoria de loita e reivindicación en defensa dos traballadores. Na negociación do convenio, que CCOO e UGT aprobaron finalmente, consideramos que se excluía un sector dos traballadores da concesionaria, os da limpeza, que teñen discapacidade intelectual. E iso é unha bestialidade, por iso nos opuxemos e opoñemos ao convenio. Eses traballadores quedan excluídos, o seu salario non está regulado por convenio, non perciben unha paga extra que si reciben o resto de traballadores, cambiánlle os horarios...

Mais a empresa alegou para o seu despedimento a utilización de horas sindicais sen xustificar...

Iso é mentira. Os representantes dos traballadores estamos obrigados só a comunicar o uso das horas, non a pedir permiso. No proceso de negociación do convenio avisei cunha semana de antelación dos días que collía para esta tarefa. Ao principio, na empresa non puxeron problema. Mais cando comecei a visitar todas as estacións, a falar e debatir cos traballadores, a informar, cando se comezou a xerar un clima de opinión...A actitude cambiou. Obrigábanme a xustificar as horas con antelación e fíxeno, mais na CIG xa se advertira á empresa que estaba a coartar a liberdade sindical.

E despedírono...

A empresa botou un pulso. A CIG moléstalles, porque non nos deixamos manipular. Cando foi o acto de conciliación no SMAC viñeron cunha oferta de cartos mais non aceptei porque isto é unha loita pola dignidade, non económica. No xuízo presentamos 70 denuncias asinadas por min ao longo destes anos contra a empresa por diferentes cuestións. E en 2007 impulsei unha folga nas ITV da provincia de Pontevedra que durou catro meses e que finalizou con importantes conquistas para os traballadores, non só de Pontevedra, senón de Galiza, como unha paga extra de 500 euros para tod@s ou que as negociacións teñan que ser consensuadas co persoal. SyC despídeme porque se queren desfacer dun elemento incómodo.

Comentarios