Rematar coa negociación colectiva para facer da precariedade norma no traballo

Concentracións unitarias de CIG, CCOO e UGT en varias cidades do país contra os ataques e recortes do goberno á negociación colectiva

CIG, CCOO e UGT realizaron concentracións conxuntas en oito cidades galegas perante as sedes d@s empresari@s en defensa da negociación colectiva e contra unha reforma laboral que procura romper ese marco de cara a ter un modelo laboral ao gusto da patronal. Os sindicatos defenderon a vixencia e necesidade da negociación colectiva e alertaron das duras consecuencias que para as clases traballadoras vai ter que esta sexa eliminada, obxectivo do actual goberno popular, segundo as centrais.

Na concentración de Compostela, unha delegación de CIG, CCOO e UGT entregou na sede da Confederación de empresarios da Galiza un escrito onde manifestaban o seu rexeitamento a calquera tipo de ataque ou recorte na negociación colectiva.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que estivo presente na concentración realizada na capital galega, fixo un chamamento para que a sociedade teña presente "as graves consecuencias" das decisións do goberno neste tema. Así, Seixo indicou que se abre a porta á prevalencia dos convenios de empresa sobre os colectivos, ou ben que se limita a 1 ano a prórroga que tiñan os convenios colectivos unha vez vencían e durante a cal seguían vixentes. "Agora, con que a patronal se negue a negociar e espere un ano, xa pode poñer as condicións que queira aos traballadores".

Recortes nos salarios

O secretario xeral da CIG considera que este tipo de medidas teñen como finalidade lograr reducir os salarios dos e das traballadoras do sector privado entre un 20 e un 25 por cento, "porque queren facer competitiva a economía española baseándose na precariedade". 

Comentarios