Unha biografía artística

Por iniciativa do selo editorial Dr. Alveiros, que vén sendo da Fundación Vicente Risco, saíu a finais do ano 2021 esta monografía de case 400 páxinas nas que Iria-Friné debulla cadros, capas de libros, carteis, "decoracións", como chaman na época aos panos de fondo das actuacións musicais ou teatrais, realizados por Camilo Díaz Baliño.
O veloz  'Expresso' Castomil de Camilo Díaz Baliño.
photo_camera O veloz 'Expresso' Castomil de Camilo Díaz Baliño.

Había tempo que este personaxe pedía un libro de seu, unha "biografía artística", como quixo Iria-Friné Rivera Vázquez, que ben sabemos leva anos dedicada con verdadeira devoción ao Legado pioneiro de Camilo Díaz Baliño, como ela titula. O caso é que por iniciativa do selo editorial Dr. Alveiros, que vén sendo da Fundación Vicente Risco, saíu a finais do ano 2021 esta monografía de case 400 páxinas nas que Iria-Friné debulla cadros, capas de libros, carteis, "decoracións", como chaman na época aos panos de fondo das actuacións musicais ou teatrais −unhas trescentas, dicía Camilo que xa fixera, nunha entrevista do ano 1927−, tamén inclúe a estudosa o deseño de diplomas e mesmo algunha incursión no interiorismo, como a intervención do deseñador no Café Restaurant Español de Santiago, no número 39 da rúa do Vilar, fundamentalmente inspirado no xaponesismo. 

A autora dedica longas descricións a cada peza analizada, mesmo coa relación das súas cores e, no caso de obras gráficas, coa referencia ás letras rotuladas, que son unha das especialidades de Díaz Baliño.

Pero Iria non só se dedica a inventariar e mesmo descubrir −lembro agora o Tríptico do Cabaleiro d'o Sant Graal−, senón que persegue a orixe dos temas iconográficos do artista: a grande influencia que exerce Risco, o peso dos prerrafaelistas ingleses, o modernismo internacional, de Morris a Mucha ou a Mackintosh, os ballets rusos, o barroco de placas compostelán e por fin a art-decó.  E así vense explicar como aparece, como se fai, "el primer pintor celta de nuestra tierra" como xa anuncia o xornal Galicia en 1920. 

A autora dedica longas descricións a cada peza analizada, mesmo coa relación das súas cores e, no caso de obras gráficas, coa referencia ás letras rotuladas, que son unha das especialidades de Díaz Baliño. Ás veces, as prolixas descricións poden parecer tediosas, pero de contado o lector entende que ela ve máis alá e entón agradece que o conduza onde de seguro que moitos non chegaríamos. 

Naturalmente o libro ten profusión de imaxes absolutamente necesarias para a análise iconográfica, para as comparacións, para as valoracións, mágoa que a edición sexa vulgar, que o deseño sexa desleixado e non responda como merece ao traballo ben informado e cheo de erudición, que Rivera Vázquez nos ofrece. 

A min persoalmente non todo o de Camilo me interesa, pero é un dos construtores da nación galega con potentes símbolos e imaxes sedutoras, e é ademais un pioneiro do deseño gráfico na Galiza, contribuíndo a crear unha profesión que, onte coma hoxe, configura a imaxe de nós mesmos como cidadáns galegos.   

 

Máis en Deseño
Comentarios