Debut inmellorábel nestes Xogos Olímpicos para a lanzadora de xavelina galega Yulenmis Aguilar, orixinaria de Cuba e actualmente afincada en Oleiros. Na rolda clasificatoria desta cuarta feira precisaba alcanzar os 62 metros para meterse directa na gran final deste sábado (19.30 horas), e no seu primeiro intento ficou a apenas cinco centímetros: 61,95.
🎯 Este lanzamiento bien merece una clasificación a una final olímpica.
— Teledeporte (@teledeporte) August 7, 2024
Yulenmis Aguilar se quedó a 5 centímetros de la clasificación directa, pero entra sin sufrir a la gran final.#ParisRTVE7a #Paris2024 pic.twitter.com/z70IPY1cCf
Esta marca, que non conseguiu mellorar nos dous lanzamentos posteriores —58,35 e 59,92—, abondou para certificar o ansiado billete á final, pois no caso de que non houbese suficientes atletas que alcanzasen o limiar dos 62 metros, como así foi, completaríase a listaxe coas que anotasen o rexistro máis elevado. E a de Aguilar —que se estreou nunha cita olímpica en Rio 2016, representando a Cuba, cun vixésimo noveno posto— foi esta cuarta feira a novena mellor das dúas series.
Na súa competían dúas das favoritas: a polaca Maria Andrejczyk —prata en Toquio— e a xaponesa Haruka Kitaguchi —actual número un do ránking mundial e ouro en Budapest 2023—, que cumpriron á primeira o requisito dos 62 metros.
Contra elas loitará Aguilar polas medallas este sábado nunha final na que non estará a vixente campioa olímpica, a chinesa Shiying Liu, que non logrou nos últimos meses a mínima para viaxar a París.