A prensa que atacou o Celta por non fichar a Salva aplaude a fútbol inglés por se arrepor a Di Canio

A fichaxe polo Suderland de Di Canio, adestrador e ex-xogador italiano ben coñecido polas súas ideas fascistas, xerou unha treboada neste clube e na prensa inglesa. Medios deportivos (e non só deportivos) españois toman parte apoiando o posicionamento contra o fascista. Hai unhas semanas, non poucos deses mesmos medios atacaban o Celta por non fichar a Salva, non menos fascista que o italiano

Di Canio
photo_camera Di Canio

Di Canio, canda xogador na Lazio, celebraba os goles erguendo o brazo coa palma aberta. O saúdo fascista. Aliás, na súa biografía alabou a Mussolini e ao longo da súa carreira deportiva non son poucas as súas declaracións sobre as supostas bondades do rexime fascista en Italia. Xogou tamén na Juventus, Napoles, Milan... mesmo en clubes ingleses (West Ham, por exemplo) e en Escocia no Celtic de Glasgow (onde os ultras escoceses asubiáronlle en máis dunha ocasión por 'bastard fascist').

Mais foi na Lazio (cunha hinchada moi, pero moi escorada cada á extrema dereita) onde Di Canio viviu os seus anos de gloria. Con comportamentos saídos de ton, sobre todo cando se enfrontaba co Livorno, a equipa fundada en 1915 por estibadores portuarios e que respira esquerda polos seus catro costados. Os goles do clube amaranto é de rigor celebralos nas bancas máis siareiras erguendo o puño e entonando Avanti Popolo.

Facendo amigos....

Di Canio deu en 2011 o chimpo a adestrador, mantendo a súa ideoloxía fascista. Treinou o Swindon Town. E alí xa tivo problemas. Co plantel, cos árbitros... e co sindicato GMT, que retirou o seu apoio ao Swindown por mor da ideoloxía do italiano.

Mais foi a súa recente fixache polo Suderland a que desatou a treboada. O vicepresidente do clube (David Miliband, exministro británico de exteriores) presentou a súa dimisión irrevocábel pola contratación dunha persoa con esa ideoloxía. Aliás, parte da afección deste clube inglés stá a se mobilizar baixo a palabra de orde de 'Fascist? No, thanks'.

Ai...se Di Capio fose español!

A polémica chegou non só á prensa inglesa, senón tamén á española. Tanto a deportiva como non deportiva. Así, tanto El País, como El Mundo ou ABC recollen a nova, alén do Marca, As ou Sport. O tratamento que estes medios fan da noticia, porén, é moi distinta da que hai só unhas semanas facían da decisión do Celta de Vigo de non fichar a Salva Ballesta, ex-xogador e adestrador español ben coñecido polas súas ideas fascistas. Para alén de ter como ídolos a aviadores fascistas e nazis, ou de defender ao golpista Tejero, Salva era responsábel de frases como esta, que pronunciou nun enfrontamento co Ourense: “Vete a tomar por culo, gallego de hijo de puta”. En resumo, un currículo que nada ten que envexar ao do italiano Di Capio.

Mais a prensa española apoiou case que con total unanimidade a Salva Ballesta na súa denuncia e críticas ao Celta (“El Celta no ficha a Salva por sentirse español”, “El Celta se pliega a las exigencias de hinchas radicales independentistas de no fichar a Salva.”, “El Celta no quiere a Salva por motivos ideológicos”..). Argumentaba que a ideoloxía non tiña que ver co fútbol e mesmo cualificaba de fascismo a decisión do clube galego de non fichar ao cántabro.

Contrasta a actitude deses mesmos medios no caso de Di Canio. Non hai reproches aos que se mobilizan contra a fichaxe do italiano por ser fascista. E mesmo comprenden que un adestrador de ideoloxía de extrema dereita xere rexeitamento e que se pida que non sexa contratado. Todo o contrario do que predicaban no caso Salva/Celta. 

 

Comentarios