martes 15/06/21

A Xustiza, de novo do lado de Bergantiños

Volve dar a razón ao capitán do Dépor e arquiva o recurso da Liga
A Audiencia Provincial da Coruña fecha un caso sobre o que aínda falta a resolución da "detención ilegal" que sufriu Álex en agosto. (Foto: RC Deportivo).
A Audiencia Provincial da Coruña fecha un caso sobre o que aínda falta a resolución da "detención ilegal" que sufriu Álex. (Foto: RC Deportivo).

O centrocampista galego foi denunciado pola Liga de Fútbol Profesional (LFP) o pasado mes de agosto de 2020 a causa dun audio enviado nun grupo privado de WhatsApp conformado polos integrantes do primeiro equipo deportivista e no que, segundo o organismo presidido por Javier Tebas, "manifestaba a posíbel predeterminación" do partido que o Deportivo disputou contra o Fuenlabrada na derradeira xornada da tempada 2019/20.

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña vén de rexeitar o recurso presentado pola Liga contra o sobresemento provisional e arquivo do procedemento aberto contra o capitán do Deportivo, Álex Bergantiños, pola presunta comisión dun delito de corrupción entre particulares. 

O tribunal salienta na súa resolución, que confirma a do Xulgado de Instrución número 3 da Coruña e contra a que non cabe presentar recurso, a "irrelevancia" da conversa na que o futbolista "transmite aos xogadores do seu equipo as súas impresións e preocupación en relación co descenso de categoría do club e a posibilidade dunha sanción ao Fuenlabrada que o evitase".

Os maxistrados coinciden coa súa compañeira do Xulgado de Instrución número 3, quen indicou que a tese do amaño do partido entre xogadores "resulta máis ben o argumento dunha película ou novela de ficción". Así, destacan que "visto o discorrer dos acontecementos, non se antolla algo dialecticamente esaxerado ou fóra de lugar".  

Ademais, os xuíces destacan que é correcto "fechar o paso ao intento de converter a xurisdición e o proceso penal nun caprichoso vehículo de inxerencia socialmente innecesaria na esfera de liberdades dunha persoa", e entenden que son "axeitados" os reproches xudiciais e do fiscal respecto "á pretensión dunha especie de investigación prospectiva ou inquisitorial".

Por outra banda, a Audiencia tamén lembra que nun auto emitido o pasado mes de marzo ordenou que se investigase por detención ilegal aos dous policías que arrestaron o centrocampista coruñés en agosto de 2020, un asunto que se continúa tramitando.  

Rubén Albés renova co CD Lugo

O Club Deportivo Lugo e Rubén Albés chegaron a un acordo no día de hoxe para a renovación do seu vínculo por unha tempada máis. Así, tras a consecución do obxectivo da permanencia baixo o seu mando durante a tempada pasada, algo que parecía moi complicado cando se fixo cargo do equipo na xornada 35, o vigués será o técnico encargado de dirixir o futuro albivermello na campaña 2021/22, estando acompañado, ademais, polas mesmas persoas que integraron o seu catro técnico, Iván Cabezudo e Toni Madrigal, que tamén asinaron a extensión dos seus contratos.

Segundo comunicou a entidade lucense, esta continuidade prodúcese "polos seus grandes resultados", que se manifestaron na construción "dun bloque amurallado tras a súa chegada". 

Mais non é esta a única novidade na area deportiva do Club Deportivo Lugo, pois o presidente Saqués tamén oficializou a incorporación de Mauro Pérez como novo responsábel da dirección deportiva, asumindo así a responsabilidade das fichaxes xa neste verán.

comentarios