A Xunta tacha Tebas de "neglixente" e cúlpao polo 'Caso Fuenlabrada'

Malas novas para o presidente da Liga de Fútbol Profesional. Nun novo xiro desa novela inacabábel que é o 'Caso Fuenlabrada', Nós Diario tivo acceso a un informe pericial encargado polo Goberno galego que cualifica de "neglixencia grave" tanto a actuación da entidade presidida por Tebas como a do conxunto madrileño.
Os xogadores do Fuenlabrada, no momento de abandonar o hotel coruñés no que estiveron confinados (Foto: Europa Press).
photo_camera Os xogadores do Fuenlabrada, no momento de abandonar o hotel coruñés no que estiveron confinados (Foto: Europa Press).

Se a comezos desta semana Javier Tebas, o presidente da Liga de Fútbol Profesional (LFP), recibía a de area coa nova do arquivo por parte da Fiscalía Provincial de Madrid dunha denuncia anónima contra el pola súa actuación no denominado 'Caso Fuenlabrada', na xornada de hoxe foi a quenda da de cal, logo de que a Xunta da Galiza remitise ao Xulgado de Instrución Número 6 da Coruña un informe pericial -ao que tivo acceso Nós Diario- especialmente crítico coa actuación da Liga e do CFF Fuenlabrada.

Elaborado polo epidemiólogo e profesor da USC Juan Gestal, neste analízase "se as actuacións da LFP e do Fuenlabrada ante a detección de casos positivos cumprían o estabelecido nos protocolos sanitarios" e "se as decisións adoptadas por parte dos equipos directivos en canto a descartar a existencia dun gromo e desprazarse á Coruña cumpría cos protocolos sanitarios".

Con respecto ao primeiro punto, as conclusións ás que chega non poderían ser máis contundentes.

"A Covid-19 é unha enfermidade de declaración obrigatoria, e por iso os responsábeis dos servizos médicos do Fuenlabrada tiñan a obriga de comunicalo urxentemente aos servizos de vixilancia epidemiolóxica de Saúde Pública de Madrid en canto tivesen coñecemento do caso, cousa que non fixeron", indica.

E Gestal móstrase aínda máis duro no referente á segunda cuestión, indicando que "era evidente que no caso do Fuenlabrada había un gromo, aínda que a Liga e o equipo, asumindo competencias que non teñen, decidisen que os catro casos que se presentaran até o día 19 non o eran, polo que non comunicaron a súa existencia a Sanidade". 

Ademais, e no que define como unha "grave neglixencia", denuncia que "a Liga tomase a decisión de que o Fuenlabrada viaxase á Coruña", pois "aínda cun negativo en PCR no día anterior, había contactos estreitos que podían estar desenvolvendo a infección, como foi o caso". 

Fontes da Xunta confirmaron a Nós Diario, ademais, que unha vez que finalice a vía penal reanudarán "con rapidez" o procedemento de sanción administrativa.

Comentarios