A Xunta recúa e prorroga o seguro médico para o fútbol

A Federación Galega, satisfeita coa decisión de “dar continuidade” a cobertura de Xogade que, non obstante, pasará ser prestada por outra compañía. A FGF levanta a suspensión de xogar partidos e de adestrar, que afectaba a 31.000 nenos.

futbol base

A reunión da mañá desta segunda feira entre a Secretaría Xeral para o Deporte e a Federación Galega de Fútbol finalizou con acordo e, seguramente, cunha Xunta a suspirar de alivio malia ter que recuar. Segundo notifica a FGF, “chegouse ao acordo de que o fútbol seguiría dentro do programa Xogade”. Isto é, que esta modalidade deportiva seguiría dentro do seguro médico, do que nun principio ficaba excluído por ter moitos practicantes e moitas lesións e accidentes. Mais a FGF decretou que esta segunda feira non había nin partidos nin adestramentos das categorías entre prebenxamín e cadete por non haber seguro que os cubrira: 31.000 nenos sen xogar. E obrigou á Xunta a mover ficha.

O acordo atinxido entre ambas as dúas partes implica un cambio de compañía aseguradora (Zurich Insurance). A Federación decidiu levantar a suspensión de xogar.

Cómpre sinalar que desde a Xunta o que se pretendía era dar á FGF unha achega de 300.000 euros e que a Federación contratase por si propia un seguro,á marxe do Xogade co que a administración pública cobre ao resto de modalidades deportivas. A Federación negouse a esa vía e afirmou que conlevaba o 'copagamento' pois 300.000 euros non chegaban.

Comentarios