A Xunta pide que o Rácing xogue o 'play-off' na Malata

Reclama que interceda a Federación Galega de Fútbol.
Os Diaños Verdes debutarán na fase de ascenso en Balaídos.(Foto: Rácing de Ferrol).
photo_camera Os Diaños Verdes debutarán na fase de ascenso en Balaídos. (Foto: Rácing de Ferrol)

A Xunta da Galiza, a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deporte, reclama a intercesión da Real Federación Galega de Fútbol (Futgal) ante a súa homóloga estatal (RFEF) para que o Racing de Ferrol xogue o seu primeiro partido da fase de ascenso á Segunda División no seu estadio da Malata, xa que segundo o sistema de elección do terreo de xogo escollido pola RFEF debutará o vindeiro domingo, 5 de xuño, no Estadio Municipal de Balaídos ante o Nàstic de Tarragona. 

Neste sentido, a Secretaría Xeral para o Deporte vén de dirixir unha carta á Futgal na que  expón a súa "sorpresa" sobre o sistema de elección do terreo de xogo na fase de ascenso que levará o Racing "a xogar a súa primeira eliminatoria en Balaídos".

"As razóns dadas para xustificar a elección do terreo de xogo vigués fronte A Malata entendemos non son suficientes como para compensar que o equipo ferrolán non poida disputar un partido tan esixente e importante na súa propia casa", engade.

O pasado 5 de maio a RFEF informaba da selección dos estadios de Balaídos, Riazor -que acollerá o choque entre Deportivo e Linares- e A Malata como sedes dos partidos da fase de ascenso á Segunda División. A asignación de estadio determínase polas necesidades de cada un dos equipos participantes, criterio que levou á RFEF a programar o Racing de Ferrol–Nàstic en Balaídos.

Isto provocou que Ángel Mato, alcalde da cidade departamental, manifestara sentirse "enganado", pois revelou que existía un acordo entre o Consistorio e a Federación Galega de Fútbol para que os Diaños Verdes disputasen, canto menos, o primeiro partido da fase de ascenso na Malata, para o que se comprometera a achegar 30.000 euros que non entregará. 

Diego Martínez asina polo Español

Despois dun ano sabático o técnico galego Diego Martínez regresa a un banco do fútbol de elite. Após facer historia co modesto Granada, a quen ascendeu á máxima categoría e clasificou para a Europa League, o conxunto perico fixo pública a súa chegada a Barcelona para ocupar o cargo deixado por Vicente Moreno, destituído a só dúas datas para o final da pasada Liga. Segundo manifestou o CEO do club, Mao Ye, Martínez responde "a un perfil de adestrador que pode achegar moito".   

Comentarios