venres 14/08/20

A Xunta abre expediente á Liga e esta compara o Goberno galego co franquismo

A LFP expresou a súa "sorpresa" e di que non lle pediron información 
O presidente da Liga, Javier Tebas (Foto: Nós Diario).
O presidente da Liga, Javier Tebas (Foto: Nós Diario).

A Liga de Fútbol Profesional (LFP) de Javier Tebas continúa coa súa particular "eu contra o mundo" e durante a xornada de onte arremeteu contra o Goberno galego logo de que a Xunta anunciase que abrira un proceso sancionador contra o Club de Fútbol Fuenlabrada e a propia LFP por "incumprimento grave" do protocolo sanitario tras a viaxe con persoas positivas en Covid-19 do equipo madrileño á cidade da Coruña para disputar o último encontro da tempada na Segunda División.

O Goberno galego tomou esta determinación logo do expediente informativo aberto a pasada semana no seo da Consellaría de  Sanidade, tal e como informou Feixoo na rolda de prensa posterior á reunión do seu Goberno en funcións desta quinta feira.

O dirixente apuntou que non se respectaron "nin os protocolos para viaxar á cidade nin as medidas decretadas de confinamento", aspecto no que incidiu subliñando a "gravidade dos feitos investigados" desde o punto de vista da saúde pública e da "alarma social" na cidade da Coruña e de todo o país.

Concluído o proceso de instrución previa, agora debe iniciarse un procedemento sancionador, para o que existen "indicios suficientes de responsabilidade grave", segundo Feixoo, quen apunta a unha dupla responsabilidade da Liga e do Club de Fútbol Fuenlabrada. 

A Liga defende atacando

Fiel aos seus principios, como un deses vellos adestradores consecuentes até as últimas consecuencias coas súas ideas futbolísticas, Javier Tebas deféndese atacando.

Horas despois da rolda de prensa de Núñez Feixoo, a entidade que preside emitía un comunicado onde afirmaba que estaba padecendo "declaracións e medidas inxustas e arbitrarias por parte das Administracións públicas, que nos retrotraen a tempos pretéritos felizmente superados", estabelecendo un paralelismo que remite inequivocamete a tempos franquistas.

Ademais, a Liga de Fútbol Profesional tamén tivo un non moi cariñoso recordo para o Real Club Deportivo, acusándoo de ser, indirectamente, o responsábel de toda a situación vivida nas últimas datas pola súa "situación deportiva".

Por outra banda, considera "sorprendente" que non recibiran "ningunha petición de información" por parte da Xunta da Galiza, e critican o feito de que se lles "xulgue publicamente sen sequera ter oportunidade de defensa nin de achegar nin un só documento". 

comentarios